Esta segunda edición da Expo Ría Camariñas, cofinanciada pola Deputación da Coruña, se desenvolverá na Praza do Mercado de Camariñas o fin de semana do 18 ao 20 de agosto. Este ano conta con multitude actividades para tódolos públicos.
A inauguración será o venres 18 de agosto ás 19:30h, aínda que xa pola mañá se poderán degustar as Tapas da Ría nos 14 bares colaboradores. A Ruta das Tapas sorteará 100 euros entre a clientela participante para consumir nos establecementos do Concello de Camariñas. A clientela decidirá co seu voto a tapa gañadora nesta nova edición.
Bares participantes na ruta: en Camariñas, A Moleda, A Ría, As Vegas, Belmar, Gaviota, Náutico, O Curbeiro, O Percebe, O Pinar e a taberna do Bico; Casa Traveiro, Rte. Pizzería A Xunqueira e La Tavernetta na Ponte do Porto e, finalmente, O Ariño en Xaviña. Poderanse degustar, incluído no prezo da bebida, delicias como croquetas de arroz con bogábante, niño de angoriñas con ovos de codorniz, torradiña de pastel de alga wakame, guiso de pota con algas, brocheta de berberechos rebozados, fideos con longueirón e moitas outras tapas tradicionais.
Na carpa da Expo Ría os expositores realizarán obradoiros, exhibicións, degustación e moitas outras actividades. Así, contaremos cos obradoiros para rapaces e para adultos que darán a coñecer o mundo dos dróns pola empresa de Camelle Costa da Morte Drones. Haberá exhibicións de palilleiras, degustacións de produtos de Industrias Cerdeimar, Gallego Pereira e a presentación da nova marca de Silvina Muñoz denominada Algareira, entre outros.
Os nenos e nenas poden participar en tres obradoiros gratuítos: A lingua da vida onde poderán, nunha divertida andaina polo paseo marítimo, coñecer e debuxar a flora e fauna da vila e os seus nomes en galego e castelán. Este Obradoiro está subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O Axexo é un obradoiro de manualidades con motivos mariños e o Obradoiro de nós outro sobre pulseiras e tatuaxes.
No apartado gastronómico, ademais da Ruta das Tapas, tódolos días teremos na carpa da Expo Ría degustacións das empresas Industrias Cerdeimar e Gallego Pereira. Este ano contamos cun Showcooking, cociña á vista do público, a cargo dos recoñecidos restauradores Jorge Guitian e Anna Mayer que ofrecerán unha masterclass na que prepararán para ser degustadas polo públicos, tres tapas elaboradas con peixe de Camariñas:
- Xurelo lañado con herbas e flores de tempada sobre crema acidulada de remolacha
- Xarda ao lume con cebola e encurtidos en caldo especiado de mexillón
- Sunomono (ensalada xaponesa) de minchas e algas con herbas do litoral
Durante a Expo Ría haberá música e teatro nas rúas: Microteatro Mans Salgadas, Palillada mariñeira, Grupo de gaitas e pandereteiras e dous actos moi especiais: Lilicleta itinerante percorrerá en bicicleta as rúas de Camariñas con música ofrecida por un DJ moi singular e festeiro. Por outro lado, no Festival de Baile no que participaran as mellores compañías de Galicia e se desenvolverá un concurso rexional de baile.
Para coñecer Camariñas tamén se ofrecen 4 visitas guiadas: Á beira do mar dará a coñecer a pesca de baixura. O Cerco dará a coñecer unha embarcación xunto coas tarefas dos mariñeiros. Historias mariñeiras onde se coñecerán as rúas e vida de Camariñas e a Ruta da Mariscadora que da a coñecer o labor destas traballadoras na praia do Ariño. O domingo tamén se realiza unha ruta guiada dende o Museo de Man denominada Ruth Matilda Andersson e Man organizada por Monumenta Andar con Arte da Xunta de Galicia.
Unha novidade este año é a Exposición Airiños do mar que mostra os traxes de cidades, comunidades e países que contan con mar e que foron cedidos polo Museo do Traxe Juanjo Linares de Ordes. Na sala de exposicións de Faro Vilán, a Asociación de Empresarios de Camariñas presenta a exposición Olladas de Luz dos fotógrafos Xulio Barreiro e Vito Dieguez. Os museos MAN de Camelle e Encaixe de Camariñas ofrecen as súas interesante exposicións permanentes.
32 participantes disputarán o Campionato de pesca nocturna do Calamar de Camariñas, deporte con moitos seguidores que desfrutan dunha noite moi especial no Peirao de Camariñas.
O programa de Expo Ría, cun mar de actividades, pódese consultar na web www.camarinas.net