Casa de Pedra. Plaza de Insuela, s/n.
Tfno. 981737004 - Fax: 981736199
Concelleira: Begoña Tajes Mendez begona.tajes@camarinas.net
Axente de igualdade: muller.ssociais@camarinas.net
Horario de inverno: Luns a Venres, de 9:00 a 15:00.
Horario de verán: Luns a Venres, de 9:00 a 14:00.
A Área de Igualdade do Concello de Camariñas, comezou a súa andadura no ano 2001. O seguinte paso foi a elaboración dun estudo sobre a realidade das mulleres camariñás contando ca participación directa do colectivo feminino local. Seguindo esta liña de actuación, e tendo en conta as conclusións de dita diagnose, deseñouse o I Plan de Igualdade de Oportunidades Municipal (PIOM). A partir da valiosa experiencia do I PIOM como instrumento de promoción e fomento da política de igualdade, deseñouse un II PIOM ( 2008-2012) con medidas máis axustadas ás necesidades da sociedade camariñá.
Nestes anos leváronse a cabo numerosas actuacións pioneiras de implementación dos Plans de igualdade: Accións de sensibilización e concienciación como o programa de Mulleres Significativas, ou os Maratóns fotográficos “ Implícate”, Accións contra a violencia de xénero como o programa “Hai outro lado”, acción de fomento da participación e empoderamento das mulleres como o Coro de mulleres ou o Consello Sectorial da Muller. Tamén levouse a cabo un traballo de captación e implicación co colectivo masculino realizado no Curso de Cociña para Homes: Camiño a Corresponsabilidade.
Dende o Servizo de Igualdade do concello de Camariñas somos conscientes dos atrancos que aínda persisten para o logro dunha igualdade plena. Esta situación necesita do traballo e compromiso activo de todos e todas.
O ámbito municipal, pola súa proximidade as persoas, é de gran importancia no impulso de políticas que posibiliten unha sociedade máis igualitaria.
Despois de nove anos dun longo camiño, os nosos obxectivos céntranse agora en promover valores e actitudes igualitarios, apoiar a conciliación, impulsar a formación, o emprego e a participación social das mulleres, combater e erradicar a violencia de xénero e tamén incrementar a presenza activa dos homes no logro da igualdade de oportunidades fomentando o cambio a posicións favorables á igualdade.
Dende o servizo de igualdade temos claro que o noso esforzo ten que ser útil para camiñar cara un futuro onde o sexo dunha persoa non predetermine que pode ou non pode facer, que pode ou non pode ter, en definitiva cal é o seu papel social.