A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca:
Os aspectos básicos do funcionamento do fondo solidario de libros de texto destinado ao alumnado matriculado en 3º e 5º de educación primaria e en 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria en centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia no curso 2015/16.
Todos os centros docentes sostidos con fondos públicos deberán dispoñer dun fondo solidario de libros de texto, que estará integrado por:
1. Todos os libros de texto e/ou material reutilizable adquirido coas axudas do curso 2014/15, que o alumnado beneficiario está obrigado a devolver de acordo co artigo 14.d) da Orde do 28 de maio de 2014, pola que se convocaron as ditas axudas.
2. Os libros de texto e o material didáctico vixente e útil voluntariamente cedido ao fondo. O alumnado que teña libros adquiridos con axudas do curso 2014/15 deberá devolvelos unha vez feitos os exames, e como máximo, o 19 de xuño de 2015. Non obstante, o alumnado de 2º ou 4º de educación secundaria obrigatoria que teña algunha materia pendente, poderá quedar co libro correspondente ata que se examine, e como máximo, ata o día 4 de setembro de 2015.
3. A falta de devolución dos libros de texto será causa de exclusión da participación no fondo solidario.
Presentación de solicitudes:
1. Poderán presentar solicitude o/a proxenitor/a ou representante legal do alumnado matriculado ou que se vaia matricular no curso 2015/16 nos niveis educativos incluídos nesta orde.
2. As solicitudes presentaranse en soporte papel preferentemente no centro onde estea matriculado ou se vaia matricular o alumnado no curso 2015/16. Así mesmo, poderán presentarse en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común.
3. As solicitudes presentaranse no formulario normalizado do anexo I desta orde, que poderá obterse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) O modelo normalizado (código de procedemento: ED330D), tamén estará dispoñible no portal educativo, enderezo: http://www.edu.xunta.es Así mesmo, o centro docente poderá xerar a solicitude, logo de introducir os datos da persoa solicitante na aplicación informática Fondolibros.
4. A solicitude é individual; polo tanto, deberá presentarse unha solicitude por cada alumno ou alumna.
5. O prazo de presentación de solicitudes iníciase o día 2 de xuño de 2015 e remata o 30 de xuño de 2015.
6. A presentación da solicitude implicará que o/a solicitante acepta as bases da convocatoria, manifesta que reúne os requisitos exixidos nela e que son veraces os datos que constan na solicitude; que se compromete a conservar os libros de texto e material recibidos en bo estado, e a devolvelos ao fondo solidario de libros de texto ao finalizar o curso 2015/16.
Publicación da relación provisional de solicitudes admitidas e excluídas e reclamacións
1. A relación provisional de solicitudes admitidas e excluídas publicarase no taboleiro de anuncios e/ou páxina web do centro docente o 7 de xullo de 2015.
2. As persoas interesadas poderán formular reclamación no centro os días 8 e 9 de xullo de 2015.
3. A relación definitiva de solicitudes admitidas e, de ser o caso, a de excluídas, publicarase no taboleiro de anuncios e/ou páxina web do centro docente:
a) En 3º e 5º de educación primaria: o 15 de xullo de 2015.
b) En 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria: o 15 de setembro de 2015.
Mais información:
http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150601/AnuncioG0164-220515-0002_gl.html