O Concello

Departamentos

* CAMARIÑAS APOSTA FIRMEMENTE POLA COMPOSTAXE 10/10/2014

CAMARIÑAS APOSTA FIRMEMENTE POLA COMPOSTAXE

Concello de Camariñas aposta firmemente pola compostaxe.

Compostar significa poñer os restos das comidas, de poda ou de céspede nun composteiro para convertilos en compost. O compost é un abono natural de moi boa calidade.

Por qué temos tanto interese na compostaxe?

A primeira razón é para aforrar no recibo do lixo. A metade do que tiramos no contedor verde, o xenérico, é orgánico. Todo o que vai no contedor verde vai a Sogama e alí quéimano. En Sogama non o separan. Pagamos polo que levamos a Sogama, canto menos levemos menos pagaremos. Por iso se todo o mundo compostara aforraríamos a metade e pagaríamos a metade. Ese é o noso obxectivo.

Está claro que non todos podemos compostar. Fai falta ter unha horta cerca. Pero se a metade da poboación de Camariñas composta aforraríamos un 25% que xa é moito.

A segunda razón é que lle damos valor aos nosos residuos orgánicos. Convertímolos en abono natural para beneficio dos froitos da nosa horta.

A terceira razón é a comodidade. Tirar os residuos orgánicos nun composteiro ao lado da casa é máis cómodo que desplazarse ata o contedor verde.

A cuarta razón é para mellorar na separación de residuos. Se os residuos orgánicos os poñemos no noso composteiro é máis fácil que separemos. O residuo que nos queda son maioritariamente envases lixeiros que van ao contedor amarelo. Unha nota, polo que vai ao contedor amarelo non se paga.

Non son razóns á lixeira. A experiencia confírmanolo. No 2010 fixemos un programa piloto en Xaviña e 50 casas comezaron a compostar. En febreiro deste ano foron 25 familias máis as que se incorporaron. E agora 50 casas máis participarán neste programa, agora financiado pola Xunta de Galicia a través do Fondo de Compensación Ambiental e executado polo Grupo Soil e a asociación Amigos da Terra.

Esta semana fixemos dúas charlas sobre compostaxe nas que repartimos composteiros. Por diante quedan as visitas individualizadas que faremos casa por casa para resolver todas as dúbidas sobre a compostaxe, a separación de residuos e a agricultura ecolóxica.

Se alguén despois de ler esta noticia está interesado en participar nunha futura campaña visitádeme na Casa de Pedra ou chamádeme ao 981736000 ou enviádeme un email a sergio.caamano@camarinas.net.
Un saúdo.


© by Abertal