O Concello de Camariñas inicia un proxecto de compostaxe con 25 vivendas unifamiliares da parroquia de Xaviña dentro do programa “Camariñas Verde” financiado pola Deputación da Coruña.
O día 24 de abril, da comezo o programa de implantación da compostaxe doméstica, en vivendas unifamiliares do concello de Camariñas, que conta coa colaboración do Grupo Soil, e a execución Técnica da asociación ambientalista Amigos da Terra.
A preocupación do Concello de Camariñas polo aumento progresivo da cantidade de residuos, os problemas derivados do actual modelo de xestión e a necesidade de atopar unha alternativa a esta situación, foron os motivos principais que fixeron poñer en marcha este programa que comeza o xoves coa fase formativa.
O proxecto iniciouse hai xa aun mes co proceso de selección de familias, os requisitos para participar incluían o habitar unha vivenda unifamiliar de Xaviña con parcela anexa, a concienciación ambiental e o número de habitantes da vivenda. Finalmente, escolleronse 25 familias participantes que cumprían estes requisitos.
A parte formativa do proxecto ten lugar xoves ás 19,30h na Casa da Sociedá (lugar de Cruceiro). Trala formación efectuarase o reparto de material, e os participantes asinarán un contrato de aceptación das condicións do proxecto.
O obxectivo do proxecto é o de reducir os residuos orgánicos producidos no concello, obter un abono de calidade, e concienciar aos cidadáns acerca da problemática asociada aos residuos. Para iso repartirase un composteiro de 400 litros a cada familia. Así mesmo, proveráselles dun cubo de recollida da materia orgánica para o fogar, dun manual para coñecer máis do proceso e de asesoramento técnico a domicilio e por teléfono, por parte dos técnicos de Amigos da Terra.
Unha vez se inicie o proceso nas vivendas, realizaranse tres visitas nos domicilios dos participantes, para facer seguemento, resolver dúbidas e recoller datos relativos á evolución do proxecto. Finalizarase coa extracción de compost de cada composteiro e unha avaliación da experiencia, que servirá para poñer en marcha outras vindeiras fases do mesmo.
Máis información:
Sergio Caamaño, Concelleiro de Desenvolvemento Local,
Mar e Turismo. Tlf: 981737004.
María Durán, Responsable da Área de recursos naturais
e residuos de Amigos da Terra. Tlf: 988374318.