O Museo do Encaixe presenta unha exposición de noivas deseñadas por firmas participantes nas pasarelas de Cibeles, Gaudí e Mostra do Encaixe.
A partir deste venres día 26 o Concello de Camariñas abre as portas do Museo do Encaixe a unha exposición de noivas. Un total de 11 deseños realizados polas importantes firmas Devota&Lomba, Franco Quintáns, Model Novias, Novíssima - El Corte Inglés e Petro Valverde. Tódolos deseños participaron nas pasarelas de Cibeles, Gaudí e Mostra do Encaixe e poden verse na sala 2 do museo, onde se fan as exposicións temporais.
Na sala 1 do museo atópase a exposición permanente cunha colección que data de principios do século XIX. As pezas máis destacadas son varias mantillas e velos, así como varios parasois e abanos, todas elas palilladas con fío de seda natural. Outras xoias que destacamos son un libro de contas do 1880 que reflexa o tránsito comercial entre Camariñas e América, encaixes gañadores de dúas medallas nas Exposicións Universais de Barcelona do 1888 e de París do 1889, e un amplo mostrario con 300 mostras datadas de fai dous séculos.
O museo abre de xoves á domingos e festivos, e ten un horario de 11 a 14 horas e de 4 da tarde á 7, salvo os domingos e festivos que pecha ás 6 da tarde. Esperamos que a exposición sexa do agrado de todos.