Faltan poucos días para que remate o prazo de presentación de solicitudes ós dous concursos que se van celebrar para o ano que ven na Mostra do Encaixe de Camariñas.
Hai algo máis dun mes o Concello de Camariñas publicou as bases do Concurso de Noveis Deseñadores de Moda para a vixésimo primeira edición da Mostra de Encaixe de Camariñas. O prazo de finalización xa se comeza a ver, sendo este o 1 de decembro. A partir de aí as grandes firmas que forman parte do xurado comezan a súa labor de elección. De entre todas as memorias cales serán as elixidas para participar nos desfiles de Semana Santa?
O ano pasado pasaron polas mans dos grandes deseñadores máis de 80 memorias das que foron elixidas 36. Cada ano fomos incrementando o número de xoves que participan neste concurso e cada ano máis familias de toda España pasan as súas vacacións de Semana Santa aquí en Camariñas.
O 1 de decembro tamén remata o prazo para apuntarse ó Concurso de Deseño de Encaixe, que este ano terá como tema a "Homenaxe as palilleiras". Máis dunha decena de palilleiraas participaron na primeira edición deste certame. A orixinalidade, beleza estética e dificultade de técnica serán os valores que se primen á hora de conceder os 800 euros que hai nos dous premios. O primeiro premio de 500 euros e o segundo de 300.
Queremos motivar, a todas aquelas persoas interesadas, a participar nestes concursos. E para calquera dúbida, coma sempre, os teléfonos do Concello 981736000 e 981737004.