O Concello

Departamentos

* YPAD - Encontro da Xuventude 08/05/2013

YPAD - Encontro da Xuventude

Hoxe, mércores, comezou o YPAD, o encontro da Xuventude. Un encontro do que, como concelleiro de desenvolvemento, me sinto moi orgulloso, por un lado porque temos confirmados máis de oitenta participantes e por outro lado por todo o grupo de rapaces de Camariñas que nos tivo axudando a organizar.
A continuación, o discurso de benvida do Alcalde:

Estimados socios, estimada tenente de alcalde de Borgotaro Sandra Montelli, estimada mocidade, estimados veciños e
visitantes, é para nós unha grande honra darlles a benvida ao noso municipio para celebrar o Encontro do proxecto YPAD, Xuventude e Desenvolvemento.

É unha satisfacción que, despois dun ano e medio dende o comezo deste proxecto, a derradeira reunión se celebre na nosa localidade. Esperamos corresponder, nesta ocasión, coa mesma hospitalidade coa que os mozas e mozos de Camariñas foron agasallados en Borgotaro, Pitea, Masku, Forlí e Ferrol.

Temos elixido celebrar a inauguración do encontro no faro Vilán, un dos lugares máis representativos de Camariñas e da Costa da Morte. Esta costa onde o sol ocultase tódolos días, pero non para desaparecer, senón para erguerse ao día seguinte.

O faro Vilán podería ser un símbolo deste evento: aínda que este é o último encontro do proxecto YPAD, esperamos que cando o sol se poña o xoves en Camariñas, novas ideas e propostas teñan emerxido grazas ao traballo realizado, para que así poidamos volver a participar en novos proxectos que estreiten os lazos entre as nosas cidadanía.

Agradecemos á Asociación de Empresarios de Camariñas que nos cedera esta fermosa sala para celebrar este acto.

Nestes días, ademais do traballo intenso que vos espera, quixemos aproveitar para darlles a coñecer dous sectores
económicos moi importantes de Camariñas: o encaixe de palillos e o sector pesqueiro.

Na visita prevista ao museo de encaixe poderán ver o noso produto cultural e económico máis coñecido en todo o mundo, o Encaixe de palillos de Camariñas. Nos pobos da ría de Camariñas atópase o maior número de artesás de España, e seguramente de Europa. Do mesmo xeito, a Mostra de Encaixe de Camariñas é o evento máis importante do sector. Invitámoslles a que veñan a coñecela na Semana Santa do próximo ano, na que celebraremos a súa 24 edición.

Outras visitas que realizaredes nestes días serán: ás Industrias Cerdeimar, unha das conserveiras máis antigas de Galicia en activo, á nosa nova e flamante lonxa e a unha das praias onde marisquean as mulleres da Asociación de Mariscadoras de Camariñas, entidade que ten conseguido profesionalizar ao sector local. O sector pesqueiro foi durante séculos e segue a ser o principal motor económico do noso concello y, sen dubida algunha, vai seguir séndoo no futuro.

O Instituto Pedra da Aguia vai recibirvos durante estes días de traballo. Os estudantes son o futuro dos nosos concellos e,
polo tanto, a nosa esperanza. E é precisamente a xuventude a protagonista deste encontro. Estou convencido de que este
evento será, para estes mozos e mozas, unha gran oportunidade para que se coñezan e para que compartan as súas opinións sobre os temas que lles preocupan, sobre o emprego, a educación e sobre Europa.

É unha feliz coincidencia que mañá celebremos o día de Europa. Europa é tanto a causa da colaboración entre as nosas cidades, como o presente e o futuro dos nosos países. Aínda a pesares da crise económica e financeira que vive o noso continente nestes momentos, crise que afecta tamén a España e a Camariñas.

Antes de rematar queremos agradecer ao grupo de mozas e mozos de Camariñas a súa implicación e o traballo realizado en colaboración coa Axencia de Desenvolvemento e tamén queremos agradecer, moi especialmente, ao Instituto Pedra da Aguia de Ponte do Porto a súa colaboración e imprescindible participación neste proxecto YPAD Xuventude e Desenvolvemento que está a chegar á súa recta final.

Desexamos que estes días de traballo en Camariñas non só sexan frutíferos, do que non cabe dúbida algunha, senón que tamén teñades ocasión de gozar do noso entorno, a nosa xente e a nosa cultura e que esta experiencia vos anime a volver a visitarnos coas vosas familias e amigos.

Sexan todas e todos benvidos a Camariñas.  

Sergio Caamaño Fernández
Concelleiro de Urbanismo e Desenvolvemento.


© by Abertal