¡Benvidos a Biblioteca Banco Camariñas !
¿Que é Biblioteca Banco Camariñas?
BBC (Biblioteca Banco Camariñas) é un banco de intercambio de libros, baseado nun sistema de puntos, xestionado desde a biblioteca pública municipal do Concello de Camariñas.
¿Que produtos me ofrece Biblioteca Banco Camariñas?
O banco traballa con dous produtos: os libros de texto e os demais libros de ficción e materias. Nos seus fondos pódese atopar exemplares de tódalas materias nas modalidades infantil, xuvenil e adultos: literatura, obras de consulta, xeografía, historia, biografías, relixión, ciencias sociais, ciencias puras e naturais, belas artes, informática.... Con respecto aos libros de texto unicamente se aceptarán aqueles que estean vixentes nos centros educativos adheridos ao banco.
¿Onde podo consultar o contido do fondo de libros do BBC?
Na páxina web oficial do Concello de Camariñas: www.camarinas.net aparecen colgadas as listaxes de ofertas e demandas do banco. Estas son actualizadas mensualmente.
¿De que maneira se realiza o intercambio?
Ofreces un libro da túa biblioteca persoal á Biblioteca Banco. O xestor do BBC dálle un valor en puntos ao libro que ofreces. Estes puntos pasan á túa conta de socio. Con eses puntos ti podes adquirir calquera outro exemplar dispoñible do fondo de libros, este pasará a ser da túa propiedade..
¿Se non me chegan os puntos podo deixar a deber?
Non se admite débito, é dicir, non podes adquirir un produto se non tes os puntos suficientes.
¿E se me sobran puntos?
Estes acumúlanse para outra transacción. Os puntos non caducan.
¿Que pasa se non atopo no fondo de libros nada que me interese?
Tes dúas opcións:
1. Se buscas algo en concreto, fas unha demanda ao banco. Esta colgarase nunha listaxe de demandas na web www.camarinas.net .
2. Conservas os teus puntos para operacións posteriores. Os puntos non teñen caducidade.
¿Podo ofrecer calquera libro ao banco?
O material ten que cumprir uns requisitos mínimos.
Non se admitirán en ningún caso :
- Libros mutilados, deteriorados ou riscados e subliñados que impidan descifrar o seu contido.
- Material bibliográfico funxible. (Ex. Libros de Educación Infantil)
- Libros de texto que non correspondan cos recomendados nas listaxes facilitadas polo Centros Educativos adheridos ao BBC, para o curso en vigor, en educación, primaria, secundaria, ciclos de FP e Bacharelato.
¿Que teño que facer para ser socio? ¿Canto custa?
Ser socio do BBC é gratuíto. Só tes que rexistrarte como socio na biblioteca municipal de Camariñas. Teléfono de contacto: 981 737 234, correo electrónico: anamartinez.biblioteca@camarinas.net
¿Podo recuperar os libros que ofrezo ao banco?
Se o libro está dispoñible e contas co seu valor en puntos, o libro volve a ser teu.
Se tes algunha dúbida sobre o funcionamento do banco, ponte en contacto connosco, a túa achega é moi importante.
Contacto: Biblioteca Banco Camariñas, Praza da Insuela, 31- 15123 Camariñas (A Coruña), teléfono de contacto 981 737 234.
Correo electrónico: anamartinez.biblioteca@camarinas.net
Grazas pola túa atención.
Un cordial saúdo