O Concello

Departamentos

* O Concello remata os novos asadores do Ariño e crea unha área recreativa única na comarca 07/06/2021

O Concello remata os novos asadores do Ariño e crea unha área recreativa única na comarca

  • “A espectacular contorna na que están situados e o tipo de asadores que se instalaron permiten que contemos cun merendeiro inigualable”, destaca Sandra Insua. 
  • A Consellería de Medio Rural autorizou á administración local a empregar lume nesta contorna en época de alto risco, logo de achegar un proxecto técnico que avala a seguridade do procedemento.
  • Poderanse utilizar no verán sempre e cando o índice de risco de incendio non sexa extremo.
Os operarios do Concello de Camariñas remataron de instalar os novos asadores na área recreativa do Ariño, na parroquia de Xaviña, creando así un área recreativa única na comarca e que xa estará en funcionamento para esta temporada de verán.

Os asadores contan cun tellado e estarán cubertos a tres ventos, cheminea, unha billa para permitir o apagado das cinzas e brasas e unha zona na parte inferior para o depósito destas. Incorporan un sistema de peche para poder clausuralas cando o Índice de Risco Diario de Incendio Forestal (IRDI) sexa extremo.

A Consellería de Medio Rural autorizou á administración local empregar lume nesta contorna en época de alto risco, logo da solicitude do Concello de Camariñas, que estaba avalada cun proxecto técnico que garantía a seguridade do procedemento. Os carteis instalados na zona xa indican que se poderán utilizar os asadores sempre e cando o índice de risco de incendio forestal non sexa extremo.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destaca que “a espectacular contorna na que están situados e o tipo de asadores que decidimos instalar permiten que contemos cun merendeiro inigualable” e o concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño lembra que “había unha demanda por parte da veciñanza para poder empregar esta área recreativa durante a tempada estival, e desenvolvemos un plan para facelo efectivo de xeito seguro”.


© by Abertal