O Concello de Camariñas aprobou hoxe en Xunta de Goberno Local a concesión da licencia para a construción do primeiro albergue turístico do municipio, que estará situado en Area da Vila e que será bautizado como ‘Devalar do Mar’.
O arquitecto deste novo proxecto, Maximino Manuel Aguiar Baña, presentou unha proposta para a creación dun espazo multiexperiencia que disporá dun total de 15 habitacións: 11 habitacións dobres (suman 22 prazas de aloxamento) e 4 habitacións múltiples (suman 24 prazas de aloxamento) para facer un total de 46 prazas.
Ademais, a Xunta de Goberno Local do Concello de Camariñas tamén concedeu hoxe outra licencia similar, neste caso a proposta dos arquitectos Diego Freire e Soledad Pérez Méndez para transformar unha vivenda nunha casa de hóspedes na rúa Ramón Noguera baixo o nome de ‘O mar de preciosa’.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou a importancia de que “continúe aumentando a oferta de aloxamentos turísticos no municipio para responder á afluencia de visitantes que se prevé no verán xa que, ao igual que o pasado ano, Camariñas destácase como un destino seguro apostando polo turismo ao aire libre aproveitando as nosas rutas de sendeirismo e as fermosas paisaxes que ofrece o territorio”.