O Concello

Departamentos

* O Concello propón realizar unha escollera para protexer o xacemento da Punta dos Castros e crear a senda que unirá Area da Vila e Lingunde 19/05/2021

O Concello propón realizar unha escollera para protexer o xacemento da Punta dos Castros e crear a senda que unirá Area da Vila e Lingunde

  • Sandra Insua e Sergio Caamaño reuníronse coa arqueóloga da Dirección Xeral de Patrimonio e propuxeron esta alternativa que permite preservar o castro e executar o proxecto da senda.
  • No mes de xaneiro o Concello presentara un estudo arqueolóxico que confirmaba que a senda non afecta ao xacemento pero a arquitecta informouno desfavorablemente.
  • A nova proposta consiste en facer unhas catas arqueolóxicas para preparar o terreo, realizar a escollera e construír sobre ela o itinerario.  

O Concello de Camariñas proponlle á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia realizar unha escollera para protexer o xacemento da Punta dos Castros e, sobre esta, crear a senda que unirá Area da Vila e Lingunde.  

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño, reuníronse coa arqueóloga de Patrimonio para desbloquear a situación despois de que o Concello presentase en xaneiro un estudo arqueolóxico que confirmaba que a senda non afectaba ao xacemento e este fose informado desfavorablemente argumentando que non se podía descartar que a máis profundidade houbese restos susceptibles de protección.  

A alternativa proposta polo Concello deberá plasmarase agora nun novo proxecto enfocado a soster o talud sobre o que se asenta o castro para protexelo xa que actualmente a plataforma corre perigo de virse abaixo. Para iso, nun primeiro momento, realizarase unha cata para comprobar se hai restos arqueolóxicos e, posteriormente, crearase unha escollera de protección para construír sobre ela a senda, sempre con materiais acordes á contorna como a zahorra compactada.  

O concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Sergio Caamaño, destacou que “sempre pensamos que a protección do castro é indispensable para a creación desta senda e por iso presentaremos unha nova alternativa, que permitirá asentar o talud”.  

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, subliña que “unir estas dúas zonas dun xeito seguro para os viandantes tamén é indispensable, é unha antiga demanda para un itinerario que ademais forma parte do Camiño dos Faros”.


© by Abertal