Camariñas conmemora o Día do Libro divulgando a obra de autores locais e outros que escriben sobre o municipio 21/04/2021
Camariñas conmemora o Día do Libro divulgando a obra de autores locais e outros que escriben sobre o municipio
- Participarán Rafael Lema, Guadalupe Jiménez-Esquinas, Víctor Fernández Alves e Diego Garrote Novo.
- Desde mañá publicarase cada día na páxina de Facebook do Concello un vídeo no que cada autor presentará a súa obra e outro con colaboradores que a comentarán.
O Concello de Camariñas conmemorará o Día do Libro co proxecto ‘Libros de aquí’, unha actividade deseñada pola biblioteca municipal que pretende divulgar a obra de autores locais e doutros que escriben sobre o municipio nos seus títulos.
Os escritores e escritoras que participarán son: Rafael Lema co seu último libro ‘Camiño dos Faros: leyendas de la Costa da Morte’; Diego Garrote Novo con ‘Nuestra zarina’; Víctor Fernández Alves con ‘Notas a pé de barra’; e Guadalupe Jiménez-Esquinas coa súa tese "Del paisaje al cuerpo: La patrimonialización de la Costa da Morte desde la antropología feminista".
Desde mañá, xoves 22 de abril, cada día divulgarase a obra dun destes autores. Farase a través da publicación na páxina de Facebook do Concello dun vídeo gravado polo propio escritor ou escritora no que presentará o seu traballo e propiciarase un diálogo cos usuarios sobre o citado texto. Ademais, tamén se publicará outro vídeo con colaboradores que comentarán o libro desa xornada e material relacionado con este.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explicou que “a través desta iniciativa perseguimos un dobre obxectivo: fomentar a lectura e dar a coñecer tanto o fenomenal traballo dos nosos escritores como daqueles que se fixan na nosa terra para elaborar as súas tramas”.