O Concello

Departamentos

* A praia de Camelle consegue un bo resultado nos controis oficiais da calidade da auga da Xunta de Galicia 14/04/2021

A praia de Camelle consegue un bo resultado nos controis oficiais da calidade da auga da Xunta de Galicia

  • O cartel de ‘auga non apta para o baño’ desaparecerá do areal e a Consellería de Sanidade continuará coas probas este verán para poder incluílo no censo oficial de praias aptas para o baño.
  • As analíticas arroxan un resultado de ‘boa’ na calidade das augas.
  • O Concello fixo unha obra de adecuación da rede tras detectar que os sumidoiros dalgunhas vivendas particulares estaban vertendo na recollida de pluviais, polo que remataban no mar.  

A Consellería de Sanidade ven de notificar ao Concello de Camariñas que a praia de Camelle conseguiu a cualificación de ‘Boa’ durante os controis efectuados na temporada de baño do 2020, un bo resultado que referenda que están a ser efectivas as medidas levadas a cabo polo goberno local para reverter os malos resultados dos últimos exercicios.  

Polo tanto, este verán o cartel de ‘Auga non apta para o baño’ desaparecerá do areal e a Consellería de Sanidade continuará coas probas durante esta temporada para así poder incluílo proximamente no censo oficial de praias aptas para o baño.    

Ata o pasado verán, cando o goberno local lle solicitou á Xunta de Galicia que volvese a incluír a Camelle no censo, a praia carecía dos controis oficiais ao non estar incluída no censo debido aos malos resultados dos últimos exercicios. No 2019, no transcurso dos traballos de renovación da rúa Nova e Porto, o Concello detectou que os sumidoiros dalgunhas vivendas particulares estaban vertendo na recollida de pluviais, polo que remataban no mar e isto influía na mala calidade das augas.   

Naquel momento o goberno local levou a cabo unha obra de adecuación da rede de saneamento que agora comeza a dar os seus froitos. “É unha boa nova que os resultados dos controis da Xunta coincidan cos datos que arroxaban as analíticas que realizamos”, explicou o concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño, que tamén engadiu que “o resto das praias, agás Area da Vila, recibiron a clasificación de Excelente”.    

Area da Vila  

O goberno local tamén está traballando a reo para que a outra praia do municipio que se atopa fóra do censo, a de Area da Vila, poida ser reincorporada. O pasado ano leváronse a cabo dúas melloras no saneamento para solucionar os vertidos ao mar que se estaban a producir e intentar así mellorar a calidade da súa auga.  

“De todos modos, temos que seguir traballando, e polo momento este verán si que teremos que colocar o cartel de ‘Auga non apta para o baño’ en Area da Vila”, comentou Sergio Caamaño, que aproveitou para indicar que “a nosa aposta por ter uns areais de calidade é clara e, nese sentido, vimos de efectuar durante a Semana Santa a limpeza de todas as praias do municipio para telas nun estado óptimo de cara ao verán”


© by Abertal