Camariñas inicia a campaña de trampeo para reducir a formación de niños de vespa velutina 06/04/2021
Camariñas inicia a campaña de trampeo para reducir a formación de niños de vespa velutina
- As trampas colocáronse o 10 de marzo e polo momento capturáronse 879 raíñas.
- O pasado ano capturáronse en total 9.813 raíñas.
O Concello de Camariñas iniciou o pasado 10 de marzo unha nova campaña de trampeo para loitar contra a vespa velutina. Polo momento, os operarios municipais encargados desta tarefa levan capturadas 879 raíñas desta especie invasora.
O Concello está adherido ao convenio entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para loitar contra a velutina, que polo momento só contempla a retirada de niños e non inclúe a campaña de trampeo, unha fase crucial para reducir a formación de futuros niños.
As trampas, de índole caseira, consisten nunha mestura de alcoles con substancias doces, como o vermú, viño blanco, zume de arándanos, e diversas variedades de alcol branco, como poden ser a xinebra ou o ron. De momento este tipo de mecanismo está a ter unha grande efectividade.
Estes elementos colócanse nas árbores con flor, onde a velutina se achega para polinizar as flores. Especialmente nas árbores con camelia, un dos favoritos do insecto.