O Concello

Departamentos

* Camariñas vivirá unha semana de desfiles e comercialización do encaixe nas redes pola II Mostra Virtual 29/03/2021

Camariñas vivirá unha semana de desfiles e comercialización do encaixe nas redes pola II Mostra Virtual

  • A organización decidiu estender a toda a semana o evento, que se celebrará do 29 de marzo ao 4 de abril, para dar cabida a unha completa programación.
  • O luns 29 de marzo producirase a apertura da II Mostra Virtual e, paralelamente, o Museo do Encaixe acollerá a presentación do cupón da Once coa imaxe da XXX Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña.
  • Desde o martes e ata o domingo os postos participantes ofrecerán a través das redes sociais do evento produtos relacionados co encaixe con ofertas especiais.
  • Os espectadores poderán ver os vídeos do certame de Jovenes Deseñadores e tamén terán o seu espazo as palilleiras, as nenas das escolas de palillo ou o voluntariado.
  • O mércores 31 de marzo inaugurarase na praza da Insuela a exposición ‘Palilleiras: presente e futuro’.
  • Desenvolverase principalmente a través da páxina de Facebook e tamén haberá contidos no Instagram e na canle de YouTube da Mostra.  

O Concello de Camariñas organizará do 29 de marzo ao 4 de abril a segunda edición virtual da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña que presenta novidades con respecto ao ano pasado e nesta ocasión cambiará o seu funcionamento para centrarse na comercialización do encaixe e na publicación das coleccións do certame de Jovenes Deseñadores en diferentes enclaves turísticos do municipio.  

A organización decidiu estender a toda a semana o evento para dar cabida a unha completa programación, que se iniciará o luns 29 de marzo coa apertura da II Mostra Virtual e os discursos institucionais da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; e a ---- Consellería de Industria e Comercio, -----. Paralelamente, o Museo do Encaixe acollerá ás 12 horas a presentación dun cupón da Once coa imaxe da XXX Mostra do Encaixe.  

O obxectivo deste evento é o de comercializar o encaixe e fomentar a labor que fan anualmente os comercios locais neste eido. Por iso, desde o martes 30 de marzo ao domingo 4 de abril, os postos participantes ofrecerán a través do Facebook unha serie de produtos con encaixe que contarán con ofertas especiais nesas datas. Na web do evento www.mostra.es habilitarase un espazo durante estas datas no que tamén se poderán atopar as ofertadas que dispoña cada establecemento.  

Por outra banda, publicarase en diferentes xornadas un vídeo de cada colección do XXVII certame de Jóvenes Deseñadores. Moitos destes foron gravados por alumnos do Grao en Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña (UDC) en diferentes localizacións do municipio e con modelos locais como protagonistas. Tamén terán o seu propio espazo, entre outros, as palilleiras, as nenas das escolas de palillo ou o voluntariado.  

O mércores 31 de marzo, dentro da programación da II Mostra Virtual, inaugurarase na praza da Insuela a exposición ‘Palilleiras: presente e futuro’. Trátase dunha pequena homenaxe ao labor e esforzo das palilleiras que, xeración tras xeración, fan do Encaixe de Camariñas unha arte única no mundo. As fotografías dos 22 tótems que se instalarán forman parte dun proxecto realizado en decembro de 2019 por Ana García, fotógrafa da Voz de Galicia. Está previsto que esta exposición permaneza na praza ata o mes de outubro.  

A clausura correrá a cargo da directora da Mostra, Dolores Lema, e da concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro. Ademais, tamén haberá espazo para a música xa que o Grupo Jaque quixo formar parte deste evento cunha versión propia da coñecida canción ‘Camariñas’.  

Para ir abrindo boca, e como antesala do evento, o domingo 28 de marzo publicarase o proxecto ‘Ruth Matilda, A Costa da Morte’, obra do camariñán Víctor Fernández Alves. A través de dúas publicacións recompilará algunhas das fotografías que Ruth Matilda Anderson fixo durante a súa visita a Camariñas hai case 100 anos e nas que mostra aquelas palilleiras que traballaban nas rúas e nas casas a tecer os encaixes  

As plataformas de emisión da segunda edición da Mostra Virtual serán principalmente a páxina de Facebook da Mostra (@MostradoEncaixe) e tamén haberá contidos no Instagram (@Mostraencaixecamarinas) e na canle de Youtube (@Mostradoencaixe).  

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, agradeceu “o esforzo do departamento da Mostra por idear, outro ano máis, o xeito de que non tivésemos unha Semana Santa sen encaixe” e eloxiou “o traballo tanto dos e das modelos como dos rapaces e rapazas que gravaron os vídeos porque xa puiden ver algún adianto e son de moita calidade”.  

Pola súa parte, a concelleira da Mostra, Encarna Liñeiro, destacou a importancia de “manter viva a tradición xa que en todo o país e sobre todo en Galicia a Semana Santa sempre se relaciona coa Mostra do Encaixe e non podemos perder ese sentimento” e lembrou que “á vez que facemos a Mostra Virtual seguimos traballando para que a trinta edición da Mostra, prevista para outubro, sexa todo un éxito e axude a reactivar a economía na zona”.  

Por último a directora da Mostra, Dolores Lema, quixo animar á xente a que “participe activamente comprando os produtos de encaixe que ofertarán os postos” xa que “tal e como está deseñado este evento virtual permitirá comercializar e promocionar o encaixe, un elemento fundamental na economía familiar da nosa comarca”.  

Certame de Jovenes Deseñadores  

As 24 coleccións que participarán nesta II Mostra Virtual son: ‘Black Tide’, ‘Carrera de Indias’, ‘Daquela que cantan as pombas i as frores’, ‘Déjame encajar’, ‘Denantes mortas que escravas, ‘Enxebre i tradición’, ‘Enxebre II’, ‘Estímulos’, ‘Evol’, ‘Femme’, ‘Fossil’, ‘Honey, Bee Free’, ‘Leo’, ‘Matista’, ‘Passaris’, ‘Samantha’, ‘Sea Lung’, ‘Suspiros Flamencos’, ‘The Beautiful Brut’, ‘The Blue Horse’, ‘Tira y afloja’, ‘Un paseo sereno’, ‘Victoria’ y ‘Zeistmaschine’.  

Mostra do Encaixe Virtual  

A Mostra do Encaixe Virtual naceu no 2020 como alternativa ante a suspensión da trinta edición do evento físico debido ao contexto sanitario xerado pola expansión da COVID-19.  

Naquel momento implicouse a todos os colectivos implicados no funcionamento habitual do evento. Elaborouse unha programación por bloques, seguindo unha estrutura similar á que podería ter o calendario habitual do evento, e que incluía franxas específicas para Grandes Deseñadores, Jóvenes Deseñadores, Artencaixe, Pequencaixe, Xuntanzas Palilleiras, Delegacións Internacionais, Empresas, Artistas, Voluntarios, Stands e Medios de Comunicación.  

O Departamento da Mostra do Encaixe pediulles a todos estes colectivos que enviasen os seus vídeos presentándose e transmitindo ánimo e forzas para volver a reencontrarse e afrontar aínda con máis gañas a trinta edición do evento.  

Os datos que foron espectaculares. Unha audiencia de 237.962 usuarios que visualizaron desde os seus fogares os 175 vídeos que se sucederon desde o mércores ata o domingo.

Descargas relacionadas


© by Abertal