O Concello comeza a instalar os novos asadores na área recreativa do Ariño de cara a temporada de verán 23/03/2021
O Concello comeza a instalar os novos asadores na área recreativa do Ariño de cara a temporada de verán
- A Consellería de Medio Rural autorizou á administración local empregar lume nesta contorna en época de alto risco, logo de achegar un proxecto técnico que avala a seguridade do procedemento.
- O concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño, lembra que “poderanse utilizar no verán sempre e cando o índice de risco de incendio non sexa extremo”.
Os operarios do Concello de Camariñas comezaron hoxe a instalar os novos asadores na área recreativa do Ariño, na parroquia de Xaviña, de cara á que estean en funcionamento para esta temporada de verán. A Consellería de Medio Rural autorizou á administración local empregar lume nesta contorna en época de alto risco, logo da solicitude do Concello de Camariñas, que estaba avalada cun proxecto técnico que garantía a seguridade do procedemento.
O concelleiro de Medio Ambiente, Sergio Caamaño, destaca que ‘había unha demanda por parte da veciñanza para poder empregar esta área recreativa durante a tempada estival, e desenvolvemos un plan para facelo efectivo de xeito seguro” pero á súa vez lembra que “poderanse utilizar sempre e cando o índice de risco de incendio forestal non sexa extremo”.
Os asadores contarán cun tellado e estarán cubertos a tres ventos, cheminea, unha billa para permitir o apagado das cinzas e brasas e unha zona na parte inferior para o depósito destas. Incorporan un sistema de peche para poder clausuralas cando o Índice de Risco Diario de Incendio Forestal (IRDI) sexa extremo.