O Concello

Departamentos

* O 44% das intervencións de Protección Civil de Camariñas no 2020 están relacionadas coa COVID-19 10/03/2021

O 44% das intervencións de Protección Civil de Camariñas no 2020 están relacionadas coa COVID-19

  • Dos 157 operativos realizados pola agrupación, un total de 69 teñen que ver con desinfeccións en espazos públicos, controis de aforo, reparto de material de protección e educativo...
  • O resto das saídas están relacionadas con cuestións de seguridade viaria, recollida de animais soltos e outras actuacións en espazos públicos.  
A agrupación municipal de Protección Civil de Camariñas levou a cabo 157 intervencións ao longo do ano 2020 das que o 44%, concretamente 69, están relacionadas coas consecuencias derivadas da expansión da pandemia orixinada pola COVID-19.  
Nun ano marcado a todos os niveis pola crise sanitaria, case a metade das actuacións levadas a cabo pola agrupación camariñana centráronse, sen deixar de atender ás intervencións habituais, na desinfección de espazos públicos, o reparto de material de protección e educativo polos fogares do municipio, ou o despregue de operativos de control de aforo en datas sinaladas como a cabalga de Papá Noel, a reapertura dos mercados, as misas e procesións do Carme, o cribado realizado no centro de saúde...   

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, quere lembrar que “Protección Civil fixo un destacado traballo durante os meses de confinamento domiciliario da maior parte da poboación, sendo os encargados de levar, casa por casa, as máscaras elaboradas polo departamento da Mostra do Encaixe e tamén o material e as ferramentas que necesitaba o alumnado do municipio para poder seguir con normalidade as súas clases”.  

Outras actuacións  

O resto das saídas levadas a cabo polos efectivos de Protección Civil están relacionadas con cuestión de seguridade viaria (accidentes, manchas de aceite nas vías, caídas de árbores, etc.), recollida de animais soltos e outras actuacións en espazos públicos (rego nos xardíns, incendios, inundacións...).


© by Abertal