O Concello de Camariñas homenaxea e pon en valor os principais oficios das mulleres da zona a través dun mural no CEIP Ponte do Porto. Na peza retrátanse seis mulleres e seis oficios, incluíndo os labores máis tradicionais, ligados ao sector primario, e outros máis vencellados á investigación e á intelectualidade. A iniciativa, que está a piques de ser rematada, forma parte das actividades que está a desenvolver o equipo de goberno local para conmemorar o 8 de marzo, Día da Muller.
A creación componse de dous trinomios, cada un deles representa a tres mulleres e tres oficios. Por unha banda, no bloque da esquerda atópanse a labrega, a mariscadora e a astrofísica. No outro bloque, á dereita, atópanse a palilleira, a redeira e a bióloga molecular.
Unha combinación entre as tarefas máis artesás, relacionadas cos sectores primarios, principal sustento da sociedade da contorna, e un que rompe esa liña introducindo a modernidade e intelectualidade. Este último co obxectivo de reivindicar o importante papel da muller no ámbito da investigación e da ciencia, moitas veces invisibilizado, sendo ademais un dos piares para o progreso da sociedade actual. Esta figura relaciónanse coas outras dado a vinculación da bióloga molecular cos oficios máis terreais polo estudo da orixe e funcionamento da propia vida, dos seres vivos. E no caso da astrofísica pola relación do universo coa terra e o mar.
O obxectivo do mural é empoderar e poñer en valor á muller na sociedade, levándose a cabo o mural cun tratamento gráfico que enxalce as figuras destas como súper heroínas ou algún elemento fantástico como símbolo do seu poderío. O mural, que estará completamente rematado mañá, está a ser elaborado por Mutante Creativo.