O Concello

Departamentos

* Camariñas organiza actividades nos centros educativos para concienciar sobre igualdade con motivo do 8M 26/02/2021

Camariñas organiza actividades nos centros educativos para concienciar sobre igualdade con motivo do 8M

  • Desde o 1 de marzo a biblioteca municipal comezará a campaña "A biblioteca violeta", cunha selección de libros, manuais e materiais audiovisuais que educan a favor da igualdade.
  • Ante a imposibilidade de facer obradoiros presenciais vanse realizar actividades virtuais.
  • Ademais, o 8 de marzo está previsto presentar un mural en homenaxe a todas as mulleres feito nos muros do CEIP Ponte do Porto.   

O Concello de Camariñas tinguirase de violeta en marzo e, con motivo da conmemoración do 8 de marzo, ten preparadas unha serie de actividades durante todo o mes que estarán dirixidas especialmente ao alumnado dos centros educativos co obxectivo de concienciar sobre igualdade. Ante a imposibilidade de facer obradoiros presenciais, debido ao contexto sanitario actual, van predominar as actividades virtuais.  

Desde o día 1 de marzo na biblioteca municipal levarase a cabo a campaña ‘A biblioteca violeta’, cunha selección de libros, manuais e materiais audiovisuais que tratan e educan a favor da igualdade. Vanse repartir entre todo o alumnado do concello uns folletos co material máis destacado.  

Entre os centros de educación infantil e primaria propoñerase un adaptación  do conto ‘A ratiña presumida’, que ademais doutros temas trata sobre a igualdade xa que é unha ratiña que non quere casar, quere pasear e ter moitos amigos.  

Co alumnado de 5º e 6º de primaria, os dias 5 e 12 de marzo, farase ‘ O lapis violeta’, un obradoiro de ilustración do que unha vez rematado levarase a cabo unha exposición virtual co traballo da mocidade participante.  

Ademais, está prevista para o día 8 de marzo, se as condicións meteorolóxicas o permiten, a presentación dun mural no CEIP Ponte do Porto en homenaxe a todas as mulleres. Irá acompañado dun vídeo onde os artistas encargados de pintalo explican todo o proceso de deseño e elaboración , os medios cos que necesitan contar para pintalo….  

Desde o Concello de Camariñas quere agradecerse unha vez máis aos centros educativos toda a colaboración e o interese que amosan polas actividades que se lles propoñen e avisan de que “nas redes sociais pode haber algunha sorpresa máis”.


© by Abertal