O Concello

Departamentos

* O Concello lanza "MerCamariñas", unha central de venta online para o comercio local 22/02/2021

O Concello lanza

  • Os establecementos que se adhiran disporán dun espazo propio e gratuíto dentro da web para poder vender e xestionar os seus produtos.
  • Previamente recibirán a formación necesaria para atender correctamente a súa tenda virtual.
  • En canto a situación sanitaria o permita, o goberno local organizará unha reunión co tecido comercial para detallar o proxecto.
  • “O comercio de proximidade ten unha terrible competencia por parte das grandes superficies e cremos que esta é unha forma de axudalos a paliar esa desvantaxe existente na venda online”, explicou a concelleira de Comercio, Lara Pasantes.  

O Concello de Camariñas lanzará proximamente ‘MerCamariñas’, unha central de venta online para os establecementos do municipio que nace co obxectivo de adaptalos ao comercio electrónico para que poidan vender os seus produtos a través de Internet.  

Adherirse a esta campaña é totalmente gratuíto e aqueles negocios que o fagan contarán cun espazo propio da súa tenda dentro da web para poder así vender e xestionar os seus produtos. O portal estará xestionado tecnicamente pola empresa local WP Nordés e os comerciantes só se terán que encargar dos produtos que poñan á venta e de promocionar o seu espazo virtual a través das redes sociais.  

Para poder levar a cabo estas tarefas o Concello de Camariñas proporcionará unha formación previa aos responsables de cada establecemento. Será a través de sesións prácticas nas que se tratarán temas como: a fotografía de produto de calidade mediante smartphone, edición fotográfica fácil, xestión da tenda virtual, como escribir para que Google coloque á tenda nos resultados de busca ou para estimular ao cliente a comprar e, ademais, tamén se asesorará na creación e xestión das redes sociais do negocio.  

En canto á situación sanitaria o permita, o goberno local ten previsto organizar unha reunión á que estará convocada todo o tecido comercial para así poder explicarlles e detallar o proxecto en persoa e coñecer aqueles que estarían interesados en formar parte. A web xa está operativa no dominio www.mercamarinas.com e pronto comezarase a realizar as primeiras inclusións das tendas participantes.  

O plan de acción do proxecto define que, nun primeiro momento, crearase unha quenda de 10 comercios participantes seleccionados mediante sorteo de entre todos os establecementos. Estes 10 primeiros negocios aprenderán, nun espazo de 5 días, a xestionar, promocionar e sacarlle rendemento á súa propia tenda online.  

A concelleira de Comercio, Lara Pasantes, explicou que a idea de sacar adiante esta iniciativa xorde ante “a terrible competencia que ten o comercio de proximidade por parte das grandes superficies e cremos que esta é unha forma de axudalos a paliar esa desvantaxe existente na venda online”.  

Pola súa parte, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “este proxecto ten o obxectivo claro de virtualizar, no mínimo espazo de tempo posible e cunha optimización máxima da plataforma, a todos eses comercios locais que están sufrindo unha grave crise de vendas”.


© by Abertal