O Concello

Departamentos

* Finalmente as obras na Ponte do Porto comezarán ás 9:30 h. para permitir o paso do transporte escolar 17/02/2021

Finalmente as obras na Ponte do Porto comezarán ás 9:30 h. para permitir o paso do transporte escolar

  • Sandra Insua e Mónica Rodríguez intercederon ante a empresa que executará as obras para pedirlles esta modificación no horario de inicio.
  • Hoxe reuníronse as dúas rexedoras coa Policía Local de Vimianzo xa que os nenos e nenas de Tufións, Cereixo e Carnés, ademais dos da Ponte, serían os máis afectados.  

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e a de Vimianzo, Mónica Rodríguez, intercederon ante a empresa que executará as obras de mantemento do empedrado central da Ponte do Porto para solicitar que o venres, 19 de febreiro, os traballos comezasen ás 9:30 horas en lugar de ás 7:30 horas como estaba previsto. A concesionaria aceptou a petición municipal, o que permitirá que o transporte escolar se leve a cabo con total normalidade.  

Hoxe reuníronse no Concello de Vimianzo as dúas rexedoras coa Policía Local do municipio para regular o dispositivo de tráfico que se habilitará a partir do venres xa que, ademais dos nenos e nenas da Ponte do Porto, os das parroquias de Tufións, Cereixo e Carnés serían os máis afectados polo corte de tráfico.  

Polo tanto, finalmente o tráfico de vehículos na ponte da Ponte do Porto permanecerá cortado desde o 19 de febreiro ás 9:30 horas ata o 21 de febreiro ás 21 horas debido ás obras que a Deputación da Coruña levará a cabo para o mantemento do empedrado central da infraestrutura.  

A Policía Local será a encargada de marcar os desvíos e de regular o tráfico pero o tránsito para os peóns estará aberto e manterase sen alteracións. Desde o Concello de Camariñas senten as molestias ocasionadas á veciñanza pero son uns traballos imprescindibles para manter en bo estado o firme central da ponte.


© by Abertal