O CGAC cede ao Museo de Man a réplica da casa do artista creada para a súa exposición sobre Manfred Gnädinger 16/02/2021
O CGAC cede ao Museo de Man a réplica da casa do artista creada para a súa exposición sobre Manfred Gnädinger
- Xa comezou a instalación da caseta, que estará diante do museo.
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) cedeu ao Museo de Man a réplica da casa do artista que foi deseñada polos arquitectos CREUSeCARRASCO e que formou parte da exposición ‘Museo (do ermitán) Man’ inaugurada o 6 de marzo de 2020 no CGAC e que posteriormente itinerou ao Museo do Mar de Galicia en Vigo, finalizando a mostra o 10 de xaneiro de 2021.
A peza, que está pintada recuperando a imaxe dos anos 70, pertence ao CGAC e estará en depósito indefinido no Museo Man, en Camelle. Os operarios comezaron xa os traballos de instalación de caseta, que se situará diante do museo.
Os propios arquitectos CREUSeCARRASCO definían así a obra:
A reprodución da Casa de Man no contorno de Bonaval, coa imaxe que esta tiña nos anos setenta, supón asumir o risco dunha descontextualización que opera como recurso da memoria e ao mesmo tempo como posta na escena urbana dun artefacto que, para Man, funcionaba como un observatorio da paisaxe con estrutura de calidoscopio. Escoller un lugar á intemperie, rodeado por arquitecturas que percorren diferentes séculos e que podemos observar e recoñecer a través das ópticas que Man utiliza para interiorizar a paisaxe, pode resultar unha experiencia estimulante que esperte a nosa curiosidade e a necesidade de nos achegar ao contexto orixinal para o comprender mellor. A súa construción, pensada como alpendre transportable, lembra outras experiencias artísticas nas que son as circunstancias que rodean a estrañeza dun obxecto situado fóra de contexto as que lle confiren unha forza expresiva que nos fai reflexionar sobre o que en realidade é e para que serve.