O Concello de Camariñas levará ao pleno ordinario que se celebrará o venres, 29 de xaneiro, a aprobación do Plan Único da Deputación da Coruña polo que se destinarán, entre outros investimentos, un total de 100.000 euros para ampliar e reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) municipal.
O aumento da capacidade do SAF financiarase con cargo ao Plan Único Adicional 1/2021 provincial, que se creou para sufragar gastos sociais extraordinarios orixinados como consecuencia da expansión da pandemia da COVID-19.
Por outra banda, tamén se aprobará destinar con cargo ao Plan Único 2021 un total de 268.638,97 euros para asumir o pago a provedores e 38.968,75 euros para reducir a débeda coas entidades bancarias.
Ademais, tamén se leva a pleno a aprobación do Plan Complementario 2021, valorado en total en 289.081,54 euros, e que se destinará a diferentes proxectos: a mellora e acondicionamento das rúas Rozas e Rucheira en Arou, a reparación do pavimento na rúa Virxe do Monte de Camariñas, e a reordenación do espazo público destinado á creación do parque infantil de Xaviña.
Plan Único 2021
O Plan provincial supón nesta ocasión unha axuda para o Concello de Camariñas de 406.800,89 euros en total, que se destinarán a sufragar gastos sociais, ao pago a provedores e á redución da débeda.
Outros asuntos do pleno
Ademais, tamén se levará á sesión plenaria deste venres a concesión dunha subvención nominativa de 5.000 euros ao Club Balonmán de Camariñas e un recoñecemento extraxudicial de crédito de 444.444,74 euros para o pago de facturas pendentes a provedores.