O Concello de Camariñas fixo pública hoxe a programación de actividades para este Nadal, que conta con obradoiros, concertos, contacontos e contempla as visitas de Papá Noel e os Reis Magos.
En todas as actividades que sexan presenciais o goberno local optou por crear grupos reducidos como medida de prevención ante a COVID-19 e ademais aplicaranse todas as restricións e precaucións recomendadas polas autoridades sanitarias.
O 21, 22 e 23 de decembro a Casa de Pedra acollerá un obradoiro de realización de curtametraxes para mozos e mozas a partir de 8 anos e o 28 e 29 de decembro Pedro Brandariz impartirá obradoiros e levará a cabo un contacontos na Biblioteca Municipal dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos. As persoas que desexen participar nestas dúas actividades deberán anotarse na biblioteca ata o 18 de decembro.
Tamén se desenvolverá este ano unha acción virtual denominada ‘O Nadal nas redes’, que consiste na publicación na páxina de Facebook municipal de guías sobre motivos decorativos do Nadal. Os interesados e interesadas en participar poderán enviar as súas creacións ao teléfono 665 134 490, que se publicarán o 21, 24, 28 e 30 de decembro e o 4 de xaneiro.
Ademais, o 3 de xaneiro celebrarase na Casa de Pedra ás 17:30 horas un concerto de Xoan Curiel dirixido a toda á familia e no que haberá limitación de aforo.
Non podían faltar no Nadal as visitas de Papá Noel e dos Reis Magos, que percorrerán todas as parroquias do Concello. O 24 de decembro será a quenda para Santa Claus e o 5 de decembro serán os Reis os que inicien a súa cabalgata, sempre sen baixarse da carroza e respectando a distancia social e as medidas de seguridade.