· A redución de emisións do Concello desde o ano 2010 ata o 2019 é dun 41,13%
O Concello de Camariñas aprobará hoxe en pleno (20 horas) o Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sustentable (PACES), un documento para facer fronte ao cambio climático e reducir emisións.
O Concello sumouse hai un ano á iniciativa europea do Pacto de Alcaldesa para o Clima e a Enerxía. Este reúne ás autoridades locais e rexionais que, de forma voluntaria, comprométense a implantar os obxectivos de clima e enerxía da Unión Europea no seu territorio. Os asinantes teñen como obxectivo a redución das emisións de CO2 en polo menos un 40 % para 2030 e a aumentar o seu resistencia aos impactos do cambio climático.
No caso de Camariñas, este plan permitirá ao Concello reducir o consumo enerxético, diminuír as emisións de CO2 á atmosfera, sensibilizar sobre o uso eficiente da enerxía, incorporar normas e requisitos de contratación máis eficientes ou mellorar a xestión de determinados servizos (residuos, aurga...).
O PACES do Concello de Camariñas fixo un diagnóstico da súa situación actual comparándoa coa de hai 10 anos. Conclúese que reducíronse 203.44 Tn de CO2 debido aos plans de acción que desde o ano 2010 ata o 2019 se levaron a cabo. Así, a redución de emisións do Concello desde o ano 2010 ata o ano 2019 é dun 41.13%.
O diagnóstico tamén revela o perfil climático de Camariñas e as súas vulnerabilidades de cara ao cambio climático, sendo a máis alta os incendios forestais seguido da seca e as inundacións e, por outra banda, expón unhas actuacións a realizar tomando como horizonte o 2030.
Entre estas inclúense: facer unha nova auditoría enerxética da iluminación pública e outra de edificios municipais e realizar as actuacións que marque; contratar enerxía verde; cando se merquen vehículos turismos que sexan eléctricos; mellorar os camiños municipais para diminuír a erosión en casos de precipitación extrema; fomentar a agricultura e silvicultura; fomentar os desprazamentos andando e en bicicleta; elaborar un plan de emerxencia por seca, constituír unha Aldea Modelo; e ampliar a compostaxe doméstica.
Para a redacción do documento recibiuse o apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do FEDER, que financiaron o 100% do custe do mesmo.
Outros asuntos
No pleno tamén se aprobará a delegación de competencias do Pleno na Xunta de Goberno Local en materia de contratación, sempre que os procesos non superen o 10% do orzamento municipal. O obxectivo desta modificación é axilizar a xestión do goberno e evitar que se alarguen os prazos, eliminando pasos intermedios.
Tamén se aprobará un recoñecemento extraxudicial de créditos por valor de 87.545,10 euros. O 100% das facturas incluídas son de conceptos do ano pasado e os provedores facturaron este ano polo que só poden aprobarse a través dun Recoñecemento Extraxudicial de Crédito.
Por último, designáronse os días festivos para o ano 2021 que serán o 23 de abril, día de San Xurxo e o 16 de xullo, día da Virxe do Carme.
VOTACIÓNS PLENO
➡️ O Concello de Camariñas aprobou hoxe en pleno o Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sustentable (#PACES) cos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP.
➡️ Ademais, aprobáronse cos votos a favor do PSOE e BNG e a abstención do PP os días festivos para o ano 2021, que serán o 23 de abril, día de San Xurxo e o 16 de xullo, día da Virxe do Carme.
➡️ No pleno tamén se aprobou a delegación de competencias do Pleno na Xunta de Goberno Local en materia de contratación, sempre que os procesos non superen o 10% do orzamento municipal. O obxectivo desta modificación é axilizar a xestión do goberno e evitar que se alarguen os prazos, eliminando pasos intermedios. Votos a favor do PSOE, abstención do BNG e en contra do PP.
➡️ Tamén se aprobou cos votos a favor do PSOE e a abstención do PP e BNG un recoñecemento extraxudicial de créditos por valor de 87.545,10 euros. O 100% das facturas incluídas son de conceptos do ano pasado e os provedores facturaron este ano polo que só poden aprobarse a través dun Recoñecemento Extraxudicial de Crédito.