O Concello de Camariñas iniciou hoxe unha campaña para animar e concienciar á veciñanza da importancia de facer as súas compras en Camariñas, incidindo na importancia de axudar e estar ao carón dos negocios camariñáns nesta época de crise orixinada pola expansión da COVID-19.
A iniciativa lánzase baixo o lema xeral ‘Merca en Camariñas, consume no teu concello. As mellores ofertas son as dos teus veciños’ e conta con varias accións específicas dirixidas a diferentes sectores: ‘As mellores ofertas son as da túa hostalería’, ‘As mellores ofertas son as do teu comercio’ ou ‘As mellores ofertas son as das túas empresas’.
Desde hoxe iranse subindo as creatividades da campaña ás redes sociais e tamén difundindo por todos os negocios e espazos municipais, co obxectivo de chegar ao maior número de xente posible.
“Nunha situación de crise como a que estamos a vivir, e agora que chega a campaña de Nadal ou o ‘Black Friday’ queremos máis ca nunca fomentar as compras presenciais fronte ao comercio online para axudar aos nosos, aos que coñecemos de toda a vida e lles poñemos cara e nome”, destaca a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.