O Concello

Departamentos

* O Concello de Camariñas esixe á Xunta que mellore o sinal TDT no lugar de Santa Mariña 27/10/2020

O Concello de Camariñas esixe á Xunta que mellore o sinal TDT no lugar de Santa Mariña

  • Sandra Insua enviou hoxe un escrito no que amosa o seu malestar despois da situación vivida durante a pasada fin de semana, na que os veciños estiveron sen sinal.  

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, enviou hoxe un escrito dirixido a Oficina Técnica da TDT de Galicia, organismo dependente da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, para amosar o malestar do Concello pola situación da recepción da TDT no lugar de Santa Mariña, parroquia de Xaviña, e esixindo a adopción urxente de medidas que melloren o sinal.  

No texto a rexedora denuncia a situación vivida durante a pasada fin de semana, cando os veciños e vecinas de Santa Mariña estiveron sen sinal TDT desde o venres 23 ata o luns 26 de outubro. “O pasado xoves 22 de outubro, os domicilios, deixaron de recibir o sinal da TDT. Avisada Retegal, o venres seguinte pola mañá quedou arranxado o problema. Pola tarde dese venres, o mesmo lugar quedou de novo sin sinal. Postos de novo en contacto co Retegal, informóusenos que durante a fin de semana non se procedían a reparacións na rede de TDT e que, en todo caso, as reparacións tiñan un prazo de 48 horas, polo que ata este luns non quedou solucionada a avaría. Deste xeito, a veciñanza quedou sen sinal desde o venres 23 ata o luns 26 de outubro”.  

Ademais, no escrito aprovéitase para informar do mal estado do repetidor de Santa Mariña que se atopa “en condicións moi deficientes, tanto que nalgunhas ocasións tense cuberto con lonas de plástico para evitar a entrada de auga no mesmo. Ademais, é moi probable que a localización do repetidor non sexa a máis axeitada, polo que os problemas de recepción son habituais”.  

Sandra Insua alerta tamén da necesidade de solucionar esta situación de xeito urxente xa que coa declaración do Estado de Alarma, “impedindo a saída da poboación dos seus domicilios durante a noite, e recomendando á poboación evitar ao máximo posible a mobilidade durante o resto da xornada, faise necesarios que a veciñanza de Santa Mariña goce dunha recepción correcta do sinal da TDT porque vaise ver obrigada a pasar no seu domicilio máis tempo do que é habitual.


© by Abertal