O Concello

Departamentos

* Camariñas opta pola prudencia e pospón o inicio das actividades municipais para o mes de xaneiro 21/10/2020

Camariñas opta pola prudencia e pospón o inicio das actividades municipais para o mes de xaneiro

  • A programación xa estaba preparada para comezar en novembro pero a evolución da situación epidemiolóxica levou ao goberno local a tomar esta decisión.
  • Os interesados xa poden preinscribirse e durante estes meses levaranse a cabo actividades culturais e deportivas de xeito puntual.
  • “Tomando como referencia a situación noutros concellos limítrofes, a día de hoxe non nos parece prudente tomar o risco de comezar as actividades e preferimos agardar para ver como evoluciona a situación”, explica Sandra Insua.  

O Concello de Camariñas tomou a decisión de adiar ata, como mínimo, o 8 de xaneiro o inicio das actividades culturais e deportivas municipais, que estaba previsto que comezasen no mes de novembro. O goberno local opta así pola prudencia atendendo á evolución da situación epidemiolóxica da comarca nas últimas semanas.  

A alcaldesa de Camariñas explicou que “estivemos dándolle moitas voltas pero a día de hoxe, e tomando como referencia a situación sanitaria que se está a vivir noutros concellos limítrofes, non nos parece prudente tomar o risco de comezar as actividades e preferimos ser precavidos e agardar para ver como evoluciona a situación”.  

Ademais, comentou que “sabemos que a oferta de actividades municipais, ademais de achegar aos rapaces e rapazas á cultura e ao deporte, funciona como un mecanismo de conciliación da vida laboral e familiar e por iso intentaremos poñelas en marcha en canto se poida pero cremos que nestes momentos velar pola saúde dos nosos veciños e veciñas é primordial”.   

Como estaba previsto que as actividades comezasen en novembro a programación xa está cerrada e os interesados e interesadas poden facer desde xa a preinscrición se o desexan. Hai opcións para todas as idades e para este curso ofértanse no eido cultural as escolas de palillo e de música e, no ámbito deportivo, bádminton, atletismo, ‘Ponte en forma’, ‘Relaxgym’, pilates, ximansia de mantemento e ioga.  

Por outra banda, o goberno local tamén anunciou que nos próximos meses se irán organizando unha serie de actividades culturais e deportivas puntuais, que se anunciarán debidamente cando se concreten e celebraranse só se a situación sanitaria o permite.  “En canto se poida iremos pouco a pouco iniciando as actividades municipais para poder continuar sendo un referente na comarca”, engadiu a rexedora.

Descargas relacionadas


© by Abertal