O Concello

Departamentos

* O Concello instalará novas barbacoas na área recreativa do Ariño de cara a vindeira tempada de verán 19/10/2020

O Concello instalará novas barbacoas na área recreativa do Ariño de cara a vindeira tempada de verán

  • A Consellería de Medio Rural autorizou á administración local empregar lume nesta contorna en época de alto risco, logo de achegar un proxecto técnico que avala a seguridade do procedemento.
  • O goberno local quere ‘agradecer a confianza depositada en nós por parte deste organismo autonómico para que poidamos contar cunha zona de recreo e segura a partir do vindeiro verán’, recalcan.
  • Insisten, con todo, en que ‘por mor da situación actual de incidencia da COVID-19, e aínda que en Camariñas o nivel de alerta segue a ser baixo, non se recomenda baixo ningún concepto o uso desta zona de recreo nin para comer nin para reunirse’, aportan desde o Concello.
O Concello de Camariñas instalará novas barbacoas na área recreativa do Ariño, na parroquia de Xaviña, de cara a vindeira tempada de verán. A Consellería de Medio Rural autorizou á administración local empregar lume nesta contorna en época de alto risco, logo da solicitude do Concello de Camariñas, que estaba avalada cun proxecto técnico que garantía a seguridade do procedemento. Insístese, con todo, en que ‘por mor da situación actual de incidencia da COVID-19, e aínda que en Camariñas o nivel de alerta segue a ser baixo, non se recomenda baixo ningún concepto o uso desta zona de recreo nin para comer nin para reunirse’, aportan.

O goberno local quere ‘agradecer a confianza depositada en nós por parte deste organismo autonómico para que poidamos contar cunha zona de recreo e segura a partir do vindeiro verán’, recalcan. ‘Había unha ampla demanda por parte da veciñanza para poder empregar esta área recreativa durante a tempada estival, e desenvolvemos un plan para facelo efectivo de xeito seguro’, argumentan desde o Concello.

Esta área recreativa debe estar sinalizada como mínimo cun cartel, que se instalará nunha zona visible e no que se especificará como mínimo a seguinte información: nome da área recreativa; administración titular do dereito de explotación e responsable do seu mantemento; teléfono de contacto da administración titular; información sobre a autorización para o emprego de lume na preparación de alimentos nas edificacións habilitadas para tal fin; un código BIDI da páxina da Consellería do Medio Rural, onde se poderá consultar o IRDI; un plano da área recreativa coa localización das edificacións habilitadas para o uso de lume e o teléfono de contacto para informar do inicio dun incendio forestal: 085.

Ademais, terá que ser visible nesta indicación, que se prohibe o emprego de lume cando o índice de risco de incendio forestal (IRDI) sexa extremo.


© by Abertal