O Concello

Departamentos

* Camariñas e Vimianzo solicitan á Xunta a mellora da seguridade viaria entre Ponte do Porto e Lexas 07/10/2020

Camariñas e Vimianzo solicitan á Xunta a mellora da seguridade viaria entre Ponte do Porto e Lexas

  • Sandra Insua e Mónica Rodríguez presentaron hoxe na Axencia Galega de Infraestruturas un proxecto para a execución dunha senda peonil.
  • A actuación, valorada en 180.000 euros, permitirá dotar aos peóns dun paso seguro, xa que ata o de agora circulaban pola beiravía.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e a de Vimianzo, Mónica Rodríguez, mantiveron hoxe unha reunión na Axencia Galega de Infraestruturas para solicitar á Xunta de Galicia que mellore a seguridade viaria na estrada autonómica AC-432, que une os núcleos de Ponte do Porto (Camariñas) e Lexas (Vimianzo).

Para iso, presentaron un proxecto valorado en 181.270 euros para a execución dunha senda peonil entre os puntos quilométricos 8+590 e 9+230 que une os núcleos anteriormente citados. O obxectivo é mellorar a seguridade para os peóns, que actualmente están obrigados a desprazarse pola beiravía da estrada que conta cun metro de ancho e nalgunhas zonas aínda menos.

A pesar de ser un tramo corto, duns 640 metros, é moi utilizado polos veciños e veciñas dos núcleos de Lexas e Ponte do Porto xa que á saída deste último atópase o IES Plurilingüe Pedra da Aguia e ademais hai frecuentes desprazamentos de persoas entre ambos núcleos.  

Tanto Sandra Insua como Mónica Rodríguez demandaron hoxe na Axencia Galega de Infraestruturas “unha solución a un problema evidente de seguridade viaria para os peóns que para a Xunta suporía un investimento moderado”.  

Desde a Axencia amosáronse receptivos á proposta e anunciaron que estudarán o proxecto para analizar a viabilidade da proposta escollida e evitar expropiacións na medida do posible.  

Os traballos a levar a cabo consistirían no movemento de terras para conseguir a explanada necesaria, a execución de muros de escollera, colocación dunha varanda metálica, instalación de paso de futuras instalacións soterradas e, por último, a pavimentación da senda.  

Decidiuse crear esta infraestrutura na marxe esquerda porque suporá unha complexidade técnica e un custe económico moito menor que a súa alternativa na marxe dereita. Na opción escollida unicamente habería que salvar tres tramos con desniveles con respecto á vía.


© by Abertal