Camariñas informa aos propietarios das obrigas de limpeza e xestión da biomasa nas súas parcelas 02/09/2020
Camariñas informa aos propietarios das obrigas de limpeza e xestión da biomasa nas súas parcelas
- O recentemente estreado Servizo de Planificación e Prevención de Incendios Forestais está a efectuar visitas aos emprazamentos afectados.
- As notificacións infrutuosas serán expedientadas e procederase á execución subsidiaria con cargo á propiedade.
Nas últimas semanas o Concello de Camariñas está a informar aos propietarios das súas obrigas de limpeza e xestión da biomasa nas súas parcelas. Faino a través do recentemente estreado Servizo de Planificación e Prevención de Incendios Forestais para o que se contratou en xullo a un enxeñeiro forestal subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo dentro do programa Aprol Rural.
A finalidade deste servizo é conseguir a protección dos veciños fronte aos incendios forestais e mellorar as condicións de seguridade e salubridade, para o cal é preciso a xestión da biomasa arredor das vivendas que conforman os núcleos de poboación, así como dentro dos propios núcleos
O técnico xa realizou visitas ós emprazamentos afectados atendendo as queixas que se tiñan presentado no rexistro do concello, poñéndose en contacto, sempre que se facilitasen os datos correspondentes, cos propietarios que manifestaron a súa inseguridade fronte ós incendios. A finais de mes espérase rematar coas visitas pertinentes.
As notificacións da obriga de limpeza das inspeccións realizadas xa foron enviadas e parte dos propietarios das parcelas puxéronse en contacto para informarse sobre a situación e o procedemento a seguir. Aquelas infrutuosas ou con propietarios descoñecidos, unha vez se corrobore a persistencia do incumprimento, serán expedientadas e unha vez notificadas no Diario Oficial de Galicia, procederase á execución subsidiaria con cargo á propiedade, sen prexuízo da sanción correspondente.
Recomendacións Para evitar a colonización de especies prohibidas nos primeiros 50 metros perimetrais ás vivendas, como pinos, eucaliptos ou acacias, é recomendable a plantación de especies permitidas a 15 metros das vivendas, recollidas no anexo II da lei de montes de Galicia, como carballos, castiñeiros, freixos, bidueiros, etc. Estas especies, ademais de evitar que a maleza medre con tanta forza e facilitar a labor da xestión da biomasa, melloran a biodiversidade da zona, serven de cinto verde fronte os incendios, proporcionan un aproveitamento para os propietarios, etc.
Para resolver calquera dúbida, poderase solicitar asesoramento do técnico, presencialmente no concello de Camariñas na Casa de Pedra, en horario de atención ao público con cita previa no contacto 653 27 69 89, ou a través do enderezo electrónico domingo.canosa@camarinas.net.