Mónica Rodríguez, Sandra Insua e Iago Toba reúnense cos ADL para articular o comezo do obradoiro de emprego xuvenil 03/08/2020
Mónica Rodríguez, Sandra Insua e Iago Toba reúnense cos ADL para articular o comezo do obradoiro de emprego xuvenil
- O inicio está previsto para o 15 de setembro, a sede estará en Vimianzo e as prazas repartiranse equitativamente entre os tres municipios.
- Poden participar persoas de entre 18 e 29 anos e para inscribirse deben poñerse en contacto co servizo de orientación de Vimianzo e Camariñas ou co Servizo Público de Emprego de Cee.
- A formación, que será remunerada, divídese en dous módulos: desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e instalación de elementos de carpintería.
Mónica Rodríguez, Sandra Insua e Iago Toba reuníronse hoxe en Muxía cos Axentes de Desenvolvemento Local (ADL) dos Concellos de Vimianzo, Camariñas e Muxía para articular o desenvolvemento do programa de emprego ‘Xuventude polo emprego’, que permitirá formar a 16 mozos e mozas incluídos no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.
Os rexedores decidiron unir forzas co obxectivo de fomentar o emprego, aumentar a inserción laboral e mellorar as capacidades dos seus veciños e veciñas. Así, conseguiron unha subvención de 369.492,32 euros para levar a cabo o programa de emprego, que está cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Fondo Social Europeo ‘Iniciativa de Emprego Xuvenil, o FSE inviste no teu futuro’.
O prazo para anotarse xa está aberto. A sede estará en Vimianzo, como entidade promotora, pero as prazas repartiranse de xeito equitativo entre Vimianzo, Camariñas e Muxía. Desenvolveranse dous módulos: ‘Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web’ e ‘Instalación de elementos de carpintería’. Todos os alumnos terán un contrato de traballo durante a súa formación, que se desenvolverá do 15 de setembro de 2020 ao 14 de setembro de 2021, con 1920 horas lectivas.
Para inscribirse ou obter máis información os interesados ou interesadas deben poñerse en contacto co servizo de orientación de Vimianzo e Camariñas ou co Servizo Público de Emprego de Cee.
Xuventude polo Emprego Divídese en dous módulos, no caso do primeiro os obxectivos son: desenvolvemento de aplicacións web para asociacións e a creación de ferramentas para a bolsa de emprego municipal, para a xestión do arquivo audiovisual municipal e de axenda de eventos territorio. Tamén se encargarán de elaborar aplicacións para as áreas de turismo.
Os obxectivos do segundo módulo son: montaxe de casetas multifuncionais en Vimianzo e Camariñas, actuación na fachada da biblioteca municipal de Camariñas, mantementos e mobiliario en todo Vimianzo e específicamente na escola de Reboredo e na de Señoráns e arredores, mantementos e melloras de chan e paramentos de madeira das oficinas da Casa de Pedra de Camariñas e o mantemento e a mellora de elementos de madeira da área fluvial do Río Negro en Muxía.