Camariñas aprobará definitivamente a desafección da escola de Xaviña para que funcione como un espazo sociocultural 30/07/2020
Camariñas aprobará definitivamente a desafección da escola de Xaviña para que funcione como un espazo sociocultural
- Cando pase a mans municipais deberá ser adecentada e dotada do mobiliario pertinente para o seu futuro uso.
O goberno local de Camariñas levará ao pleno deste venres, 31 de xullo, a proposta para a aprobación definitiva da desafección da escola de Xaviña, tras a súa aprobación provisional no mes de novembro do pasado ano. O obxectivo é acondicionala posteriormente para que poida funcionar como un espazo sociocultural.
O inmoble que anteriormente albergaba a escola de Xaviña é un ben municipal que no seu momento se cedeu á Consellería de Educación para que funcionase como centro educativo, un servizo que non se desenvolve desde hai anos.
Por iso, a Consellería de Educación renunciará a concesión do uso deste inmoble e o Concello poderá realizar os traballos necesarios para transformalo nun centro sociocultural que poida albergar as actividades ou eventos que se leven a cabo na parroquia de Xaviña.
O goberno local cre que “é necesario darlle xa un uso a este inmoble para evitar o seu deterioro co paso do tempo e que mellor que utilizalo para satisfacer o interese público dos veciños e veciñas tanto da parroquia de Xaviña como de todo o municipio”.