O Concello

Departamentos

* A nova web da Mostra do Encaixe xa está traducida a cinco idiomas 09/07/2020

A nova web da Mostra do Encaixe xa está traducida a cinco idiomas

  • Ademais do galego incorporáronse o castelán, inglés, italiano e portugués.
  • O obxectivo: consolidar a internacionalización da Mostra tamén no marco dixital.  

A nova páxina web da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña (www.mostra.es), xa está traducida a cinco idiomas: galego, castelán, inglés, italiano e portugués. Isto supón un novo paso cara o obxectivo do departamento da Mostra: consolidar tamén no marco dixital a internacionalización que está a experimentar o evento nos últimos anos, converténdose na pasarela de moda por excelencia durante a Semana Santa en España e situando o encaixe como un elemento de vangarda para a alta costura.  

Ademais do castelán e o inglés, dous dos idiomas con máis falantes do mundo, tamén se decidiu incorporar o portugués e o italiano en homenaxe aos pobos irmáns de Peniche (Portugal) e Novedrate (Italia). Así, os numerosos visitantes destes país que ano tras ano visitan a Mostra poderán estar informados das novidades no seu idioma.  

Para facilitarlle a experiencia ao usuario ou usuaria, a páxina web tamén incorpora unha xeolocalización para que, de xeito automático, o visitante acceda á web directamente no idioma que se fala na ubicación na que se atopa. Por outra banda, cambiouse o dominio de mostradoencaixe.es a mostra.es para abreviar e facela máis accesible e fácil de atopar.  

As traducións están feitas por persoas da Costa da Morte co obxectivo de que o proceso fose o máis áxil posible, aproveitando o seu coñecemento do que é e o que significa para os camariñáns a Mostra do Encaixe e a tradición que a rodea. Incluso o protagonista do cartel da trinta edición, o modelo internacional Damián Álvarez, natural de Vimianzo pero que reside en Italia, colaborou neste traballo revisando a tradución ao italiano. Tanto a maquetación como a tradución foi realizada por unha empresa da zona, www.wpnordes.es.  

A concelleira delegada da Mostra, Encarna Liñeiro, explicou que este “é un paso moi importante xa que cada ano acoden á Mostra numerosas delegacións de diferentes continentes e queremos que, ao longo do ano, poidan estar informados ao detalle de todas as accións que se van levando a cabo ao redor do encaixe”.  

Ademais, Liñeiro recalcou que “a estratexia que seguimos coa tradución da web é a da internacionalización do Encaixe de Camariñas nos mercados nos que realmente existe demanda de esta artesanía como son os nosos irmás de Portugal e Italia. Ademáis de que serve para seguir estreitando os vínculos con estas localidades coas que tan unidos estamos”.  

Por último, adiantou que “agora estamos facendo un traballo de recopilación de todo o material audiovisual creado durante os trinta anos da Mostra para poder facelo público e accesible para todos a través da páxina web”.


© by Abertal