O último tramo do acceso ao Faro Vilán terá que facerse a pé 16/06/2020
O último tramo do acceso ao Faro Vilán terá que facerse a pé
- O Concello acordou esta e outras medidas cos técnicos da Autoridade Portuaria.
O goberno local do Concello de Camariñas continúa a tomar medidas para preservar o seu patrimonio. A pasada fin de semana acordou nunha reunión cos técnicos da Autoridade Portuaria abrir de novo o acceso ao Faro Vilán e pechalo xusto na ‘Punta Estrunfo’, onde se habilitará unha zona de xiro para os vehículos e os visitantes terán que facer a pé os últimos 300 metros.
Só poderán pasar dese límite os taxistas e os automóbiles da
Asociación de Empresarios, que poderán chegar ata a porta pero non acceder á explanada. Para os autobuses, acordouse con Stolt Sea Farm poder usar o seu aparcadoiro exterior para que estacionen alí.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, agradeceu a colaboración “tanto da Autoridade Portuaria como de Stolt Sea Farm, o que nos permitirá facilitar o acceso a un símbolo de Camariñas que sempre atrae a un número elevado de turistas e, á súa vez, fomentar a súa conservación”.