O Concello

Departamentos

* O Concello lanza a campaña "Comercio Seguro en Camariñas" para fomentar as compras no municipio 25/05/2020

O Concello lanza a campaña "Comercio Seguro en Camariñas" para fomentar as compras no municipio

  • Formará parte da iniciativa ‘Camariñas Reactívase’, que pretende promocionar e dinamizar as empresas locais.
  • “Os nosos comercios e negocios están a facer un importante esforzo para cumprir as medidas de seguridade requiridas e atender aos clientes coas máximas garantías”  explicou Sandra Insua.  

O Concello de Camariñas comezará hoxe nas súas redes sociais a campaña ‘Comercio Seguro en Camariñas’, que pretende fomentar as compras nos establecementos do municipio xa que todos eles están a adaptar os seus locais e as súas rutinas ás medidas de hixiene e protección requiridas polas autoridades sanitarias.  

Esta acción englobarase dentro da campaña ‘Camariñas Reactívase’, que pretende promocionar e dinamizar as empresas locais e agora, ademais de publicitar cada negocio como se viña facendo, tamén se explicarán e ilustrarán as medidas que este tomou para atender aos seus clientes dun xeito seguro.  

Todos os comerciantes de Camariñas son conscientes da importancia de extremar as medidas de seguridade, tanto as de hixiene persoal e uso do material de protección adecuado como as de limpeza e desinfección diaria e frecuente dos establecementos. Isto foi un dos aspectos nos que máis se fixo fincapé onte durante a sesión informativa celebrada na Casa de Pedra que impartiron os inspectores de Sanidade da comarca de Soneira para todo o tecido empresarial do municipio.  

A alcaldesa, Sandra Insua, volveu a insistir en que “Camariñas é un destino seguro e mercar nos nosos comercios tamén o é, xa que todos están a facer un importante esforzo para cumprir as medidas de seguridade requiridas e así poder atender á clientela coas máximas garantías”.  

Ademais, a rexedora lembrou que “nos próximos días se farán públicas as bases da liña de axudas que lanzará o Concello e pola que se lle darán 200 euros para sufragar os gastos da compra de EPIS a cada establecemento que tivera que cesar a súa actividade durante o Estado de Alarma e que as solicite”


© by Abertal