O Concello organiza unha charla para informar ao empresariado local das medidas a tomar para unha reapertura segura 18/05/2020
O Concello organiza unha charla para informar ao empresariado local das medidas a tomar para unha reapertura segura
- Terá lugar o próximo xoves, 21 de maio, ás 11 horas na Casa de Pedra e estará impartida polos inspectores de Sanidade da comarca de Soneira.
- Os mesmos inspectores destacaron que durante a fase 1 da desescalada os comercios de Camariñas están a cumprir as medidas de prevención.
- Esta charla foi un dos compromisos que adquiriu a alcaldesa, Sandra Insua, na reunión coa Asociación de Empresarios e de Promoción Turística.
O Concello de Camariñas organizará o próximo xoves, 21 de maio, ás 11 horas na Casa de Pedra unha sesión informativa dirixida ao tecido empresarial do municipio e para informar das medidas de precaución que se deben tomar para levar a cabo unha reapertura segura dos negocios durante as diferentes fases da desescalada.
Esta charla, que foi un dos compromisos que adquiriu a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, na reunión mantida coa Asociación de Empresarios e de Promoción Turística o pasado mércores, estará organizada pola Axencia de Desenvolvemento Local e impartida polos inspectores de Sanidade Pública da Comarca de Soneira.
Os mesmos inspectores destacaron hoxe que, durante as súas visitas recentes aos comercios e establecementos abertos de Camariñas, constataron que se están cumprindo correctamente as medidas de prevención requiridas e que, en xeral, a actitude do sector é a adecuada durante a desescalada. “Isto ven a confirmar que Camariñas é un destino seguro” incidiu Sandra Insua.
Medidas de seguridade Os asistentes á sesión do xoves deberán acudir obrigatoriamente con máscara e tamén se terán que gardar os dous metros de distancia de seguridade. As cadeiras do salón de actos da Casa de Pedra estarán separadas a esa distancia.
Por outro lado, xa está dispoñible para a súa consulta na web municipal, www.camarinas.net, o "Plan de acción municipal para a reactivación da Costa da Morte" impulsado polos concellos de Camariñas e Vimianzo e redactado polos profesionais de desenvolvemento local de catorce concellos da comarca.
Son dous documentos, un resumo do informe e o Plan completo, que están sendo valorados polos concellos e o tecido empresarial. Unha vez rematada a rolda de consultas, pretendese continuar con mesas de traballo sobre as liñas ou accións que se establezan como prioritarias. As accións intermunicipais desenvolveranse coa participación dos concellos que acorden integrarse nelas.