Os alcaldes e alcaldesas analizaron as 60 accións incluídas no Plan de Reactivación Económica da Costa da Morte            	12/05/2020
            
            
           	           		
            									
	
								                    Os alcaldes e alcaldesas analizaron as 60 accións incluídas no Plan de Reactivación Económica da Costa da Morte
                    - Na reunión, que tivo lugar hoxe en Vimianzo, participaron tanto os rexedores como os ADL dos 14 concellos que se uniron para elaborar este documento. 
 - Entre as propostas que máis interese suscitaron estivo a creación dunha plataforma de venda online e a domicilio para as empresas locais.   
 
Os alcaldes e alcaldesas dos 14 concellos da comarca que se uniron para elaborar o Plan de Reactivación Económica da Costa da Morte reuníronse hoxe en Vimianzo para analizar as conclusións do documento encargado aos Axentes de Desenvolvemento Local (ADL) e no que se recollen un total de 60 accións.      
Nesta reunión participaron de forma presencial a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela; o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido; o alcalde de Malpica, Walter Pardo, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua. Debido á limitación de aforo establecida para a Fase 1 da desescalada o resto de rexedores (Carnota, Mazaricos, Corcubión, Fisterra, Muxía, Dumbría, Laxe, Cabana de Bergantiños e Zas) sumáronse a través de videoconferencia.      
A ADL de Camariñas, María Jiménez; a ADL vimiancesa, Rosa Sánchez, e o seu hómologo de Cee, Juan Carlos Santabaya, foron os encargados de expoñerlle aos rexedores os pormenores do plan. Unha folla de ruta que pretende facilitar a toma de decisións das alcaldías dentro das súas competencias e que pretende minimizar os efectos negativos da pandemia, acurtar o prazo de recuperación, consolidar a sustentabilidade social, económica e medioambiental do territorio, reforzar a identidade territorial e colaborar cos diferentes grupos de interese da comarca.      
Cada unha das 60 propostas está enmarcada dentro duns eixos estratéxicos específicos (talento, gobernanza, reactivación económica, consumo e comercio de proximidade ou valorización do rural) a través dos que se acadarían obxectivos diferentes.       
 O obxectivo deste encontro era o de poñer en común o documento para, entre todos, rematar de perfilalo ao engadir, modificar ou desbotar algunha das liñas. “Por dicilo dalgún xeito, é un plan vivo que se presenta como un menú á carta onde agora cada alcalde ou alcaldesa pode escoller as accións que máis lle conveñan polas características do seu territorio e decidir se algunha a aplica de xeito individual no seu Concello e outras as propón de forma conxunta con máis administracións”, explicaron desde o comité de traballo dos ADL.     
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, remarcou que “este Plan demostra que os concellos da comarca podemos traballar unidos na busca dun obxectivo común, que neste caso é o de minimizar o máximo posible os efectos desta crise sanitaria na economía dos nosos veciños e veciñas”.      
Ademais, Sandra Insua explicou que “pola nosa parte esta semana vamos a ter unha xuntanza co tecido empresarial de Camariñas na que lles presentaremos o plan e as actuacións que pensamos máis válidas para o noso Concello, escoitando tamén as súas propostas para coordinar así o desenvolvemento dun plan conxunto”.     
Liñas principais   Houbo varias propostas que se desenvolveron dun xeito máis profundo por parte do comité de traballo, principalmente por dous motivos: por ser unha mostra representativa do conxunto de accións do plan e para amosar o nivel de detalle que adquirirían as propostas que se leven a cabo. Foron:   
- Creación dunha      plataforma de venda online e a domicilio para as empresas locais.
 - Axudas directas ao      tecido empresarial local afectado pola COVID-19.
 - Posta en valor do monte de propiedade municipal.
 - Mesa de      concertación: mellora dos procedementos administrativos locais para      empresas.
 - Rede de mercados e mercadillos Costa da Morte.
 - Lonxa agropecuaria da Costa da Morte.