O Concello

Departamentos

* Os Axentes de Desenvolvemento Local da Costa da Morte presentan aos alcaldes o plan de Reactivación Económica 11/05/2020

Os Axentes de Desenvolvemento Local da Costa da Morte presentan aos alcaldes o plan de Reactivación Económica

  • Foi elaborado polos ADL de 14 concellos da contorna.
  • Esta xuntanza terá lugar mañá ás 17:00 horas no Concello de Vimianzo e estarán presentes a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela; a ADL de Camariñas, María Jiménez, a ADL de Vimianzo, Rosa Sánchez e o ADL de Cee, Juan Carlos Santabaya.  

Mañá, luns 11 de maio, os Axentes de Desenvolvemento Local presentaranlle o plan de Reactivación Económica da Costa da Morte ás alcaldesas e alcaldes da contorna, documento que foi elaborado polos ADL de 14 concellos da contorna.  

Terá lugar no Concello de Vimianzo a partir das 17:00 horas da tarde, con representación das alcaldesas e das súas ADL tanto de Camariñas como da administración vimiancesa. Tamén confirmou a súa presenza a alcaldesa do Concello de Cee.  

Xa que así o permite a fase 1 do desescalamento, Sandra Insua, rexedora camariñá; Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo; a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela; María Jiménez, ADL de Camariñas, a ADL vimiancesa Rosa Sánchez e o ADL de Cee, Juan Carlos Santabaya, daranse cita nesta xuntanza, na que os técnicos darán a coñecer os pormenores deste plan ás rexedoras e rexedores da Costa da Morte.  

Aínda que está prevista a presencia de máis rexedores dos Concellos implicados, falta a confirmación ata un máximo de 10 participantes, tendo a posibilidade o resto de facelo de xeito telemático.  

Xuntanza co empresariado local  

Desde o Consistorio camariñán está prevista unha xuntanza co tecido empresarial de Camariñas a vindeira semana para escoitar as súas propostas e presentar as actuacións do plan e do Concello, para coordinar así o desenvolvemento dun plan conxunto.  

Comezos do proxecto  

Primeiro organizouse un comité de traballo máis reducido, que está conformado por un total de sete ADL de cinco concellos: Camariñas, Vimianzo, Carnota, Mazaricos, Zas. Ademais, tamén forma parte deste grupo de traballo a Deputación da Coruña a través dunha axente de desenvolvemento local da área de promoción económica provincial, que se encarga de orientar e recoñecer as accións que poidan ser susceptibles de incorporarse a algunha das liñas de axudas provinciais.  

Pola súa parte, a Asociación Finisterrae de Profesionais de Desenvolvemento Local de Galicia AFIPRODEL tamén se involucrou desde o principio, aportando ferramentas e asesorando aos profesionais.  

Tras unha serie de contactos entre os alcaldes e alcaldesas da comarca, todos accederon, formándose así unha fronte común de traballo composta polos ADL de Carnota, Mazaricos, Corcubión, Fisterra, Muxía, Dumbría, Camariñas, Laxe, Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Malpica, Zas, Vimianzo, Cee e Coristanco (pendente de confirmar este último).  

“A idea é analizar a situación na que nos atopamos, que escenarios son os que poderemos atoparnos cando isto pase e, con todo isto, artellar un conxunto de accións que sexan eficiente e poidan poñerse en práctica aproveitando os recursos locais e a coordinación entre os municipios”, argumentan desde o comité de traballo”.  

Pola súa banda, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destaca a “interesante achega que facemos desde a Costa da Morte para impulsar xa non só a economía do noso territorio, senón de toda Galicia”, sinalou a rexedora.  

Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, quixo “agradecer a todos e todas as alcaldesas e alcaldes o inmenso esforzo que fixeron para impulsar este plan. Os ADL traballaron arreo para poder presentar hoxe este proxecto. Elas e eles son os verdadeiros partícipes”.


© by Abertal