· A sesión foi retransmitida en directo vía streaming.
· Todos os integrantes do pleno da corporación doarán a aportación económica da sesión á agrupación de Protección Civil.
O Concello de Camariñas celebrou hoxe, xoves 30 de abril, o seu primeiro pleno telemático da historia no que se aprobou un recoñecemento de crédito de 286.892,49 euros para poder pagar facturas pendentes a provedores.
Este asunto, único punto da orde do día, aprobouse cos votos a favor do PSOE e a abstención do PP e o BNG. A alcaldesa, Sandra Insua, explicou que “non se podía demorar máis este pleno para non atrasar máis do debido asuntos urxentes como pode ser o pago a provedores”.
Ademais, a rexedora agradeceu ao comezo da sesión a encomiable labor que están a levar a cabo os traballadores e traballadoras da agrupación de Protección Civil de Camariñas “que co seu traballo e esforzo permítennos chegar a todas as casas do municipio nesta crise sanitaria, poñendo en xogo tamén a súa saúde”.
Como recoñecemento a esa labor, todos os integrantes do pleno decidiron doar aos voluntarios de Protección Civil a achega económica que terían que recibir pola asistencia á sesión. É unha cantidade que suma en total 1.300 euros.
A sesión levouse a cabo sen ningún problema a través da ferramenta Google Meet e emitiuse en directo a través de Youtube, cunha ligazón que se comunicou a través da web municipal e das redes sociais do Concello minutos antes do inicio da mesma.