Camariñas celebrará mañá, xoves 30 de abril, o seu primeiro pleno telemático da historia 29/04/2020
Camariñas celebrará mañá, xoves 30 de abril, o seu primeiro pleno telemático da historia
- Terá lugar ás 9 horas e será retransmitido en directo.
- A sesión servirá para sacar adiante un recoñecemento de crédito para poder pagar facturas a provedores.
- Todos os integrantes do pleno da corporación doarán a aportación económica da sesión á agrupación de Protección Civil.
O Concello de Camariñas celebrará mañá, xoves 30 de abril, a partir das 9 horas o seu primeiro pleno telemático da historia co obxectivo de non atrasar máis do debido asuntos urxentes como pode ser o pago a provedores.
A sesión levarase a cabo a través da ferramenta Google Meet e emitirase en directo a través de Youtube, cunha ligazón que se comunicará a través da web municipal e das redes sociais do Concello minutos antes do inicio da mesma.
O único punto da orde do día será a aprobación dun recoñecemento de crédito para poder pagar facturas pendentes a provedores. “Este é un procedemento habitual pero, debido aos problemas económicos que está a xerar esta crise sanitaria, non o podíamos demorar máis e por iso decidimos levar a cabo pleno de xeito telemático”, explica a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.
Ademais, e como xa se anunciara, todos os integrantes do pleno decidiron doar aos voluntarios de Protección Civil a achega económica que terían que recibir pola asistencia á sesión. É unha cantidade que suma en total 1.300 euros.