O Concello

Departamentos

* A nova web da Mostra do Encaixe estará traducida a cinco idiomas 28/04/2020

A nova web da Mostra do Encaixe estará traducida a cinco idiomas

·        Ademais do galego actual incorporaranse o castelán, inglés, italiano e portugués.  

O departamento da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña continúa co seu plan para consolidar a internacionalización que está a experimentar o evento nos últimos anos, converténdose na pasarela de moda por excelencia durante a Semana Santa en España e situando o encaixe como un elemento de vangarda para a alta costura.  

Para iso o Concello de Camariñas, ademais de presentar unha solicitude formal para que sexa considerada como festa de interese turístico nacional, creou unha nova páxina web específica para a Mostra www.mostradoencaixe.es , que xa se pode ver desde hai uns meses só en galego e que se pretende traducir a outros catro idiomas.  

Aproveitando o confinamento derivado da crise sanitaria orixinada pola expansión da COVID-19, o departamento da Mostra do Encaixe quixo acelerar os prazos e xa está a rematar a tradución ao castelán e ao inglés. Logo, incorporaranse o portugués e o italiano en homenaxe aos pobos irmáns de Peniche (Portugal) e Novedrate (Italia).  

A concelleira delegada da Mostra, Encarna Liñeiro, explicou que este “é un paso moi importante xa que cada ano acoden á Mostra numerosas delegacións de diferentes continentes e queremos que, ao longo do ano, poidan estar informados ao detalle de todas as accións que se van levando a cabo ao redor do encaixe”.  

Ademais, Liñeiro recalcou que “a estratexia que seguimos coa tradución da web é a da internacionalización do Encaixe de Camariñas nos mercados nos que realmente existe demanda de esta artesanía como son os nosos irmás de Portugal e Italia. Ademáis de que serve para seguir estreitando os vínculos con estas localidades coas que tan unidos estamos”.


© by Abertal