· A sesión servirá para sacar adiante un recoñecemento de crédito para poder pagar facturas a provedores.
· Todos os integrantes do pleno da corporación doarán a aportación económica da sesión á agrupación de Protección Civil.
O Concello de Camariñas está a ultimar os preparativos para poder levar a cabo a próxima semana o seu primeiro pleno telemático da historia, co obxectivo de non atrasar máis do debido asuntos urxentes como pode ser o pago a provedores.
A data exacta aínda está por marcar e o informático municipal está a pechar os últimos detalles para que cada concelleiro e concelleira poida participar na sesión desde os seus respectivos fogares sen ningún tipo de problema.
O que é seguro é que o asunto principal da orde do día será a aprobación dun recoñecemento de crédito para poder pagar facturas pendentes a provedores. “Este é un procedemento habitual pero, debido aos problemas económicos que está a xerar esta crise sanitaria, non o podíamos demorar máis e por iso decidimos levar a cabo pleno de xeito telemático”, explica a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.
Sandra Insua tamén aproveitou para anunciar que “todos os integrantes do pleno decidimos doar aos voluntarios de Protección Civil a aportación económica que teríamos que recibir pola asistencia á sesión. É unha cantidade que suma en total 1.300 euros e que pretende ser só un primeiro e pequeno recoñecemento á impagable labor que están a levar a cabo os voluntarios e voluntarias da agrupación de Camariñas, que co seu traballo e esforzo permítennos chegar a todas as casas do municipio nesta crise sanitaria, poñendo en xogo tamén a súa saúde.