· A primeira fase do plan será detectar e difundir o traballo das empresas que seguen abertas durante o Estado de Alarma.
· Nunha segunda fase, a Axencia de Desenvolvemento Local poñerase en contacto con todas as empresas do municipio para poñer en marcha o plan de reactivación económica.
Unha das prioridades do Concello de Camariñas é apoiar ao sector empresarial do municipio, que está a vivir uns tempos moi difíciles debido as restricións provocadas pola expansión da COVID-19. Para isto acaba de lanzar a campaña #CamariñasReactívase, que ten como obxectivo principal potenciar e dinamizar as empresas locais.
“Hai moitas empresas que teñen que estar pechadas actualmente debido ás medidas do Estado de Alarma, pero tamén hai outras que seguen traballando e loitando para manterse vivas e a primeira fase desta campaña vai dirixida a estas últimas”, explicou a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.
A primeira acción de #CamariñasReactívase consistirá en detectar esas empresas do municipio que continúan abertas e difundir os servizos que ofrecen á cidadanía. Facelo é moi sinxelo: deben publicar un post nas súas redes sociais (Facebook, Instagram e/ou Twitter) anunciando os seus produtos ou servizos e mencionar ao Concello de Camariñas empregando ademais no texto o cancelo #CamariñasReactívase.
Ademais de compartilo nas redes municipais, cos datos obtidos o Concello elaborará unha lista dos establecementos que continúan ofrecendo os seus servizo durante o Estado de Alarma que posteriormente distribuirá entre a poboación. Para obter máis información sobre esta iniciativa pódese mandar un correo electrónico a adl@camarinas.net, consultar a web municipal ou chamar ao teléfono 653 264 990.
Preparación da segunda fase
A segunda fase do #CamariñasReactívase ten que ver co plan de reactivación económica no que están a traballar todas as Axencias de Desenvolvemento Local da Costa da Morte.
Para coñecer as necesidades reais do tecido empresarial, desde o comité de traballo do Plan poñeranse en contacto co tecido empresarial, social e produtivo de todo o territorio a través de cuestionarios, enquisas ou entrevistas.
Para iso, desde a ADL de Camariñas necesitan confirmar que teñen os datos de contacto actualizados de todas as empresas do municipio, tanto as que están agora abertas como as pechadas. O Concello utilizará os datos dos que dispón no seu Directorio (www.camarinas.net/camarinas_directorio/portada.php) polo que cada empresa debe revisar os seus datos e actualizar o que precise, engadindo un teléfono móbil se é posible. Para este proceso de actualización deben enviar un correo cos novos datos a adl@camarinas.net desde hoxe mesmo e canto antes.