· Foron un total de 175 vídeos os que se subiron desde o mércores ata o domingo.
· A concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, agarda que “este sexa o primeiro paso para, no 2021, facer a mellor edición da Mostra que se recorda”.
Os datos que arroxa a primeira Mostra do Encaixe virtual da historia son espectaculares. Unha audiencia de 237.962 usuarios que visualizaron desde os seus fogares os 175 vídeos que se sucederon desde o mércores ata o domingo no Facebook da Mostra (@mencaixedecamarinas) e na canle de Youtube do evento.
Todos os protagonistas habituais da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña tiveron o seu oco nesta edición virtual. Desde os Grandes Deseñadores ata os concursantes do certame de Jóvenes Deseñadores e pasando polos voluntarios, artistas, Artencaixe, Pequencaixe, xuntanzas palilleiras, delegacións internacionais, institucións, empresas, fotógrafos, medios de comunicación, stands, agrupacións folclóricas, policía local ou o modelo internacional Damián Álvarez, protagonista desta edición. En definitiva, toda a familia que forma parte da Mostra.
Ademais, o sábado pola noite quixeron participar nesta Mostra Virtual as recoñecidas orquestras Panorama e París de Noia, que terían que estar en Camariñas ese mesmo día para montar unha gran festa se todo transcorrese con normalidade.
A clausura do domingo correspondeu á directora da Mostra, Dolores Lema, que destacou no seu discurso que “ser de Camariñas e que non se celebre a Mostra en Semana Santa parece un mal soño”; dun camariñán ilustre como o xornalista Xosé Luis Blanco Campaña que destacou que “xa estamos a esperar a marabillosa Mostra do ano que ven” e, por último, a concelleira do Encaixe, Encarna Liñeiro, expresou o seu desexo de que “este sexa o primeiro paso para, no 2021, facer a mellor edición da Mostra que se recorda” e agradeceu “a todas as persoas que senten a Mostra como algo propio e que tamén participaron nesta iniciativa”.