· A iniciativa, alcumada ‘Destronavirus’, parte da Biblioteca Municipal.
· O obxectivo é intercambiar contos, chistes, adiviñanzas...
· Os interesados ou interesadas en participar poden facelo enviando os seus vídeos ao teléfono 665 134 490.
O Concello de Camariñas anima a todos os veciños e veciñas do municipio a participar no ‘Destronavirus’. Esta iniciativa, creada pola Biblioteca Municipal, pretende fomentar o intercambio cultural durante o confinamento indicado pola declaración do Estado de Alarma.
‘Imos destronar o coronavirus, quitarlle a súa coroa, as honras e desterralo das nosas vidas a través do intercambio cultural e a participación de todos os veciños e veciñas’, reza o lema desta proposta creativa.
O funcionamento é sinxelo: búscase recoller os contos, chistes, adiviñanzas ou calquera outra manifestación artística ou cultural que coñeza cada un para logo, a través das redes sociais do Concello, poñelos en común co resto da veciñanza. A participación está aberta a quen o desexe, só teñen que enviar os seus vídeos ao teléfono 665 134 490.
A concelleira de Cultura, Encarna Liñeiro, explicou que “esta iniciativa naceu o pasado sábado cando, a través dos grupos de difusión dos usuarios e usuarias da biblioteca, comezamos a intercambiar este tipo de creacións dun xeito aleatorio. Pensamos que era unha forma bonita de relacionarse e de intercambiar coñecementos e decidimos darlle forma”.