O Concello

Departamentos

* Os Servizos Sociais de Camariñas activan diferentes recursos de atención no domicilio 20/03/2020

Os Servizos Sociais de Camariñas activan diferentes recursos de atención no domicilio

  • O obxectivo é chegar a toda a poboación e solucionar problemáticas xeradas pola crise sanitaria actual.
  • Para solicitar estes servizos hai que chamar ao teléfono 981 73 70 04

Os Servizos Sociais do Concello de Camariñas están a implantar as actuacións previstas no protocolo de atención psico-social de urxencia e emerxencia ante o Estado de Alarma aprobado onte na primeira reunión da comisión municipal de seguimento para avaliar a evolución do Coronavirus (COVID-19).

A pesar de que o persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) xa estaba a traballar a reo para atender as demandas habituais dos usuarios do servizo, o departamento de Servizos Sociais activou agora unha serie de recursos co obxectivo de chegar a toda a poboación e solucionar outras problemáticas xeradas pola crise sanitaria actual.

Unha das actuacións consiste na creación dunha rede de apoio veciñal pola que se pide aos veciños e veciñas de Camariñas que chamen ao teléfono 981 73 70 04 se son conscientes da situación de vulnerabilidade ou de soidade dalgunha persoa. O persoal de Servizos Sociais poñerase en contacto con esta para avaliar a situación e intentar cubrir as súas necesidades.

A través deste protocolo habilitase un servizo para facer a compra ou ir á farmacia dirixido a aquelas persoas que viven soas ou están en situación de vulnerabilidade. Débese solicitar en Servizos Sociais cun día de antelación como mínimo e en horario de 9 a 13 horas.

Ademais, tamén se poderá solicitar seguemento e acompañamento telefónico para minimizar as posibles consecuencias do illamento derivado das medidas para conter a expansión do COVID-19.

Por outra banda, os Servizos Sociais municipais ofrecen asesoramento psicolóxico para os casos derivados desta situación e asesoramento para aquelas familias con nenos e nenas que teñan que resolver situacións derivadas do confinamento.

Descargas relacionadas


© by Abertal