· Participarán no mesmo 87 escolares do centro, David Fidalgo e Xisela Pastoriza.
O Concello de Camariñas organizou co gallo do 8 de marzo un faladoiro no IES Pedra da Aguia sobre os estereotipos de xénero no mundo do audiovisual.
Participarán no mesmo David Fidalgo, do sector audiovisual e nominado varias veces aos premios Goya, e Xisela Pastoriza, do mundo da educación e colaboradora coa Rede Talento. David, ademais, vén de recibir un Mestre Mateo na gala do pasado sábado.
Constará dunha pequena introdución teórica que serverá de base para o desenvolvemento da actividade. De seguido, David exporá os seus derradeiro traballo (a súa curtametraxe “Rosa y azul”) para facer unha inmersión nos estereotipos de xénero en programas de televisión de actualidade, como “El Chiringuito” ou “Mujeres y hombres y viceversa”.
“Sempre hai que ser moi analíticos co que consumimos, sobre todo no mundo da televisión e de internet. Tratamos de facer esta actividade nunha linguaxe directa e que a rapazada entende á perfección”, destaca Xisela.
“Hai que abordar este tipo de temas desde a adolescencia, incluso desde a infancia temperá. Parece que é un tema que molesta, pero nós percibimos moi boa acollida por parte dos adolescentes. Teñen moita apertura e reciben este tipo de información de moi bo grado”, finaliza a educadora.
“Faigo pezas que teñen que ver co machismo na televisión, que dalgunha maneira son un tipo de educación e lexitiman este tipo de comportamentos. Paréceme fundamental abordar esta temática nos colexios porque este tipo de valores estanse a fomentar nos espectadores e temos que erradicar esta situación”, comenta David Fidalgo, recentemente galardoado cun Mestre Mateo. “Para min é moi importante porque ademais de abordar estes temas fomentas a creación”, remata o experto en audiovisual.