· Levarase a cabo do 6 ao 11 de abril, durante a Mostra do Encaixe de Camariñas.
· Haberá Vela lixeira, Paddle Surf, Body Board, Windsurf e Kayak.
· O sábado 11 levarase a cabo a quinta regata ‘Encaixe Azul’.
Outro ano máis, paralelamente á Mostra do Encaixe de Camariñas, levarase a cabo o Campamento Náutico ‘Encaixe Azul’, que alcanza a quinta edición totalmente consolidado como unha alternativa de ocio deportivo ás actividades da Mostra.
O prazo para anotarse estará aberto ata o 11 de abril e os interesados ou interesadas en facelo deberán chamar ao teléfono 667022972. Hai 40 prazas dispoñibles e o único requisito para inscribirse no campamento, que se desenvolverá do 6 ao 11 de abril, é ser maior de 8 anos e saber nadar.
Nesta edición contarase cos seguintes deportes náuticos: Vela lixeira, Paddle Surf, Body Board, Windsurf e Kayak. Ademais, o sábado 11 de abril levarase a cabo a quinta regata ‘Encaixe Azul’. Nos días nos que o tempo non permita executar a actividade normal, levarase a cabo un obradoiro de nós sinxelos.
O horario das actividades será de 10 a 13:30 horas e desde a organización informan de que hai posibilidade de escoller días soltos. O obxectivo desta acción é traballar a educación medioambiental a través da unión entre os participantes co medio ambiente.
A entrega de diplomas e obsequios do campamento está previsto que se leve a cabo o domingo, 7 de abril, no recinto da XXX Mostra do Encaixe de Camariñas.